Friday 22 de November de 2024

Luz verde do pleno fenés ás actuacións propostas polo Goberno municipal con cargo ao Plan Único


A proposta elaborada polo Goberno fenés foi aprobada en pleno por unanimidade

A Deputación da Coruña achega ao Concello de Fene un total de 519.627,96 €, correspondentes ás Achegas 2023 e 2024, así como ao POS Social

O pleno do Concello de Fene vén de aprobar os proxectos propostos polo Goberno municipal para executar con cargo ao Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña. Trátase dunha contribución económica que ascende a 519.627,96 €, que se distribúen en 252.069,73 € correspondentes á Achega 2024; 195.503,59 € da Achega 2023; e finalmente, 72.027,64 € do chamado POS Social.

Os grupos que conforman o Goberno local -BNG e Esquerda Unida- sumaron o apoio do PSOE e PP no pleno para sacar adiante a súa proposta. Coa súa aprobación en pleno, o Concello de Fene dedicará toda a Achega 2024 do POS (252.096,73 €) ao financiamento do gasto corrente municipal, isto é, aos consumos e subministracións necesarias para o funcionamento dos diferentes servizos que presta o Concello.

Desta maneira, ese mesmo importe pode liberarse do Orzamento municipal para poder realizar outras actuacións dunha maneira máis áxil, ao simplificarse a súa tramitación administrativa. No concreto, con este financiamento levaranse a cabo tres obras orientadas á mellora da rede de saneamento municipal: o Camiño Arriba, en Sillobre; o Camiño da Fonte, en Limodre; e o Camiño do Conde, en Maniños.
Por outra banda, o total da Achega 2023 -que ascende a 195.503,59 €- vai ser investido no aglomerado de Buios, unha actuación que se completa con fondos propios até os 229.173,56 € totais do proxecto a executar.
“Coa aprobación destes proxectos, seguimos avanzando no compromiso de mellorar a rede de saneamento e o aglomerado de camiños municipais en diferentes parroquias”, avanzou o alcalde de Fene, Juventino Trigo. Pola súa banda, o concelleiro de obras fixo referencia a que “só no 2023 o Concello de Fene destinou máis dun millón de euros do POS á mellora de camiños e da rede de abastecemento municipal”.

Acordo para os vindeiros anos

BNG, EU e PSOE tamén chegaron a un acordo sobre as actuacións que o Concello de Fene proporá para financiar con cargo ao orzamento achegado pola Deputación da Coruña a través das diferentes convocatorias do Plan Único dos vindeiros anos, ao coincidir os tres grupos na análise das necesidades do Concello de Fene en materia de obras.

O rexedor fenés agradeceu “a xenerosidade do resto de grupos para garantir unha maioría no pleno que permita sacar adiante actuacións imprescindíbeis para a mellora da vida cotiá da nosa veciñanza”