Friday 22 de November de 2024

O San Roque 1979 leva o premio das comparsas en San Sadurniño


Rematou o venres de Entroido en San Sadurniño, tras unha noite chea de troula debaixo da carpa instalada polo Concello diante da antiga casa consistorial. Ao chamamento festeiro acudiron máis dun cento de participantes con disfrace -ademais de xente que veu ver o que había-, que se distribuíron polas categorías de infantil, individual, parellas, grupos e comparsas. As temáticas elixidas para animar o carnaval foron moi variadas: desde os personaxes do cine e a tv, até os motivos relacionados coa natureza, a reivindicación ambiental, a cultura POP americana e incluso o recordo das festas patronais de toda a vida, representado pola comparsa ganadora, o San Roque de Naraío 1979.

A cita co humor e as máscaras comezou pasadas as oito da tarde coa música do grupo folc Encrucillada e tendo un ano máis como mestres de cerimonias a Pedro Picos e Xose Bonome. O dúo teatral Bucanero foi o encargado de administrar os tempos do concurso de disfraces e de ir chamando a todas as persoas participantes para que lucisen maneiras sobre o escenario.

Tan pronto como rematou o desfile, deliberación do xurado durante uns minutos e, deseguido, anuncio dos premios, empezando polo apartado infantil, onde ganou un Bebé Ioda -literal, era un bebé- no colo do seu pai, Darth Vader (que, como é sabido, non era o pai de Ioda, senón dos mellizos Luke Skywalker e Leia Organa). Nesta categoría tamén houbo premio para unha simpática Pippi Langstrum cunhas longas trenzas tesas e perfectamente paralelas ao chan.

En xuvenil só houbo un participante, que tamén acudiu á cultura POP televisiva e cinematográfica, xa que viña disfrazado do Grinch, ese personaxe empeñado en acabar co Nadal co seu mal humor.

En canto ás parellas, os premios foron parar, por unha banda, a un dúo de souvenirs de París e Hawai simulando esas típicas bólas cheas de líquido que teñen dentro algún motivo, neste caso unha aborixe das illas do Pacífico e unha escena francesa, Tour Eiffel incluída. Por outra banda tamén recolleron premio un equipo de televisión integrado por unha camarógrafa e unha xornalista de TV Novas Sansa, que achegaron algunhas exclusivas da política e a vida social do noso concello, como por exemplo o ascenso a primeira do CF San Sadurniño ou o cambio de residencia de Filipe uve palito e Leticia con “Z” para o Pazo da Marquesa.

A categoría de grupos tivo un marcado toque rural e ambiental, con premio para As invasoras -disfrazadas de eucalipto, acacias mimosas e outras plantas alleas- e para A nosa granxa, formada por unha familia labrega que traía un galiñeiro con tres pitiños (os tres nenos de curta idade).

E, finalmente, a categoría de comparsas, cun único premio ao que optaban un grupo de Trolls, a espectacular coreografía High School Music da Asociación Cultural Brío, os M&M’s, Branca de Neve e os 7 xigantescos e a comparsa que resultou ganadora finalmente: unha Festa do San Roque de Naraío ambientada en 1979.

Non lle faltaba de nada: a procesión coa cruz, o santo, o Barrenas, as beatas e o cuarteto de percusión e metais detrás; bochinche para tomar o que se quixera (todo perdido de vello); fogueteiro e nenos botando petardos; rosquilleira; alumbrado con bóla de luz no pau do medio; unha orquestra -La Revoltosa- que lle botou unha pieza para animar a función… por ter ata tiña mesa do patrón chea de bizcochadas e incluso unha homenaxe ao defunto Carmelo que bailaba diante do palco cunha copa en equilibrio encima da cabeza. Entroido en estado puro.

Despois da entrega de premios volveu ocupar o seu sitio o grupo Encrucillada para facer o segundo pase da noite e, pouco despois das once, cadaquén para a súa casa. Este sábado é outro día tamén moi cumprido de festas dentro e fóra de San Sadurniño. En Bardaos e Lamas teñen cadanseu cocido veciñal co cupo xa cuberto, mentres que en Naraío haberá un entroido infantil a partir das 18:00h animado por LaGuaGua.