A organización pretende afianzar e consolidar na Laracha esta proba puntuable para o campionato galego.
Xa hai data para a segunda edición do Slálom “Concello da Laracha”, que se vai celebrar o vindeiro sábado 29 de xuño. O presidente e vicepresidente -Diego Ponte e Alejandro Rega- da escudería organizadora, Arteixo Motorsport, xunto a un dos seus colaboradores, o larachés Daniel Remuiñán, e ao vicepresidente da Federación Galega de Automobilismo, Moisés García, mantiveron unha reunión no Concello co alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Patricia Bello e Pablo Cambón, para facerlles chegar a proposta e avanzar nos preparativos do evento.
O slálom é unha competición automobilística na que os participantes demostran a súa pericia e habilidade ao volante evadindo obstáculos artificiais como conos ou portas. Ao implicar constantes cambios de dirección, nesta disciplina priman as competencias dos condutores no control do vehículo sobre a potencia, xa que a velocidade é menor que noutro tipo de probas.
Despois da excelente experiencia da primeira edición celebrada o ano pasado no ámbito do parque empresarial, tanto os organizadores como os representantes municipais expresaron a súa vontade de afianzar a proba na Laracha e consolidala no calendario da Federación Galega de Automobilismo, xa que será puntuable para o campionato autonómico desa disciplina.