Friday 22 de November de 2024

Abegondo celebra o domingo a súa gran festa de Entroido con concursos de disfraces, comparsas e moita animación


O evento a partir das 17.00 horas no polideportivo e poderase anotar no momento para participar nos concursos

Os veciños de Abegondo celebrarán o domingo, 11 de febreiro, a gran festa de Entroido, organizada polo Concello. Será a partir das 17.00 horas no polideportivo municipal e espérase que centos de persoas enchan o pavillón.
O evento contará cos concursos de disfraces, comparsas e animación. Os desfiles dos participantes nos concursos arrincarán ás 18.30 horas. A inscrición nos concursos poderase efectuar in situ ata as 18.00 horas.
Haberá tres modalidades de concursos: a variante individual ou en parella, para adultos, cun premio de 150 euros; o apartado de grupos, de 3 a 7 integrantes, cun primeiro premio de 300 euros e un segundo de 200 euros; e a modalidade de comparsas, de 8 ou máis integrantes, con dous premios de 800 e 500 euros respectivamente.
O evento estará amenizado pola música do momento a cargo de Carlos Manteiga.
Ademais, o Concello organiza talleres de Entroido na aula lúdica, para nenos de infantil e de primaria. Mañá sábado 10, a partir das 16.30 horas, terá lugar un Obradoiro de máscaras e complementos e o mércores 14 á mesma hora levará a cabo un taller de produtos típicos da época.
Entroido no IES de Viós
O alumnado do IES de Viós celebrou hoxe o seu particular Entroido, coa colaboración do Concello. Creouse un photocall sobre a arte, cos rapaces facendo unha versión cadros famosos de todos os tempos.