O pleno aprobou o mércores os investimentos derivados da liña de financiamento do Plan Único 2024, do que tamén se derivarán 259.075 euros para gasto corrente
O executivo local dirixido por José Manuel Mato reforzará o SAF con 74.021 euros do POS+Adicional para gasto social
O Concello de Ponteceso destinará case 340.000 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos ou POS) para financiar a mellora dos accesos a Limiñoa e Balarés, así como ao abastecemento no núcleo de Guxín, en Corme-Aldea. Así o aprobou o pleno municipal a proposta do equipo de goberno, nunha sesión plenaria de urxencia celebrada o mércores na Casa Consistorial de Ponteceso.
O executivo local dirixido por José Manuel Mato apostou por dirixir o financiamento provincial a cubrir a mellora de acceso a Limiñoa dende a estrada DP-6805, cuxo orzamento total é de 170.964,65 euros. Tamén se cubrirá parte do gasto da mellora de acceso ao núcleo rural histórico de Balarés co POS. En total, 200.915,34 euros dun total de 261.244,68 dos custos. Os 60.329,34 euros restantes do montante da intervención correrán a cargo das arcas municipais.
Os 459.990,39 euros que a Deputación outorga ao Concello do POS+2024 completaranse con 259.075,05 euros destinados a gasto corrente.
A maiores, a partida denominada Plan Complementario do ano 2024, incluída no Plan Único deste ano e destinada a “investimentos financieiramente sostibles” irán a parar ao abastecemento no núcleo de Guxín, en Corme-Aldea. O orzamento da contrata é de 138.232,59 euros.
Tras dar luz verde ao carácter de urxencia da sesión ao ter que presentar o documento á Deputación antes desta tarde e carecer de servizo de intervención ata hai uns días, o pleno do Concello de Ponteceso aprobou o POS+2024 con 11 votos a favor, 1 en contra e 1 abstención. A votación foi case idéntica ao do último punto do orde do día, no POS+Adicional 2024 destinado a gastos sociais extraordinarios. A proposta de destinar 74.021,44 euros á ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) contou con 11 votos a favor e 1 abstención.