As persoas interesadas teñen ata o día 20 para presentar a solicitude
A confección de ambas bolsas farase cun concurso que valorará a formación e a experiencia acreditadas
O Boletín Oficial da Provincia de hoxe publica as bases do proceso selectivo mediante concurso iniciado polo Concello para a creación das bolsas de contratación de persoal Administrativo do Grupo C1 nos departamentos de Secretaría e de Tesouraría. O obxectivo da convocatoria é contar cun listado do que poder botar man para contratacións temporais con carácter de interinidade no caso de vacacións, baixas, excedencias ou outras circunstancias do persoal con praza en propiedade nesas dúas áreas. Os e as aspirantes teñen sete días hábiles contados a partir deste venres -incluído- para presentaren as instancias e outra documentación. Posto que o martes 13 é festivo local, o prazo rematará o día 20 de febreiro.
Para participar no proceso selectivo serán requisitos indispensables os habituais neste tipo de convocatorias de emprego público, é dicir, ter nacionalidade española -ou outra que permita o acceso-, posuír a capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas, ter feitos os 16 anos sen exceder a idade de xubilación e non encontrarse en situación de inhabilitación ou ter recibido sancións que impidan o acceso ao emprego público. Ademais tamén fará falla posuír, como mínimo, o título de bacharelato ou titulación equivalente.
Canda as instancias de solicitude de participación na convocatoria -dispoñibles como anexo das bases-, as persoas aspirantes deberán achegar o DNI ou pasaporte, a copia da titulación que acredite ese requisito e a copia do CELGA 4 ou equivalente. Trala finalización do prazo de presentación de solicitudes publicarase a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, co que se iniciará o tempo de dous días hábiles para a presentación de reclamacións. Transcorrido ese prazo publicarase a lista definitiva e fixarase a data en que se reunirá o tribunal cualificador.
A selección da lista de contratación para as bolsas de Tesouraría e Administración de Secretaría farase mediante un concurso que valorará, en primeiro lugar, a experiencia profesional outorgando 0,30 puntos por mes traballado ou fracción superior a 15 días, sempre que fose en prazas de Administrativo ou de categoría superior encadradas na escala de Administración xeral e desempeñando funcións análogas ás dos postos ofertados.
Estas condicións acreditaranse mediante certificación na que conste a área na que se fixeron os traballos (que ha de ser a específica de contabilidade ou tesouraría para a primeira das bolsas) ou co certificado de vida laboral acompañado dos contratos.
Por outra banda, dentro do concurso tamén se valorará a formación por cursos completados nos últimos 5 anos -o rango vai desde os 0,5 puntos por cursos de ata 10 horas ata os 1,50 puntos que se poderán obter polos de máis de 300-, así como o coñecemento da lingua galega: 0,25 puntos polo CELGA 4 ou curso de perfeccionamento do galego, 0,50 puntos por ter superado o curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio e 1 punto se se ten o de nivel superior.
A bolsa de contratación terá unha vixencia de catro anos, agás supostos de interinidade, e poderá anularse se nese prazo se convoca un novo proceso selectivo e se aproba unha nova lista de aspirantes. Os chamamentos para contratos faranse por vía telefónica seguindo a orde de puntuación obtida.