Inés Rey destacou na presentación que esta proba porá o foco na cidade en máis de 170 países
Jonas Vingegaard, Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez son algúns dos deportistas de elite presentes nesta competición
A terceira edición do Gran Camiño, a proba ciclista poretapas máis importante de Galicia e unha das mellores de España, comezará o xoves 22 de febreiro cunha etapa contra o reloxo que se desenvolverá integramente na cidade da Coruña.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a presentación desta competición acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o promotor da proba, Ezequiel Mosquera, entre outros.
“É unha honra que a nosa cidade marque o comezo deste evento, que se retransmitirá en directo a máis de 170 países”, sinalou a alcaldesa, que confirmou a participación dos mellores ciclistas do mundo, como Jonas Vingegaard (vixente gañador do Tour de Francia), Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez. “O Gran Camiño aspira a consolidarse dentro do calendario internacional e A Coruña quere ser decisiva para o seu crecemento”, apuntou Rey.
A etapa coruñesa terá a Torre de Hércules, no seu décimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade, como punto de saída e chegada. Está prevista a participación de 120 ciclistas, que partirán un a un desde o faro, levando a cabo un percorrido de 14,9 quilómetros que atravesará o paseo marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e O Portiño, desde onde os participantes regresarán polo paseo marítimo ata a Torre. Está previsto que o primeiro corredor saia ás 14.40 horas.
A alcaldesa destacou que, con só dúas edicións desenvoltas, O Gran Camiño xa é un referente nacional e internacional, formando parte do calendario internacional da UCI e sendo escollido no 2022 como mellor evento deportivo de Galicia. “O xoves 22 viviremos unha gran festa do deporte e do ciclismo na cidade. Unha proba única que lles permitirá aos amantes deste deporte e aos coruñeses e coruñesas en xeral ver en directo os mellores ciclistas do mundo”, indicou Rey.
Amplo dispositivo de seguridade
Por outra banda, esta primeira etapa contará cun amplo dispositivo de seguridade organizado polo Concello da Coruña, que garantirá o normal desenvolvemento da xornada. A proba transcorrerá polas seguintes vías: Paseo marítimo, Matadoiro, avenida Pedro Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires, paseo de Rolda, avenida de San Roque (ata este punto, en sentido contrario ao establecido para a circulación de vehículos), avenida de Labañou, rolda de Outeiro, Manuel Azaña, Emilio Gonzalez López, Simón Bolivar, Carmen RodríguezLosada Trulock, estrada dos Fortes, estrada do Portiño e paseo marítimo ata a Torre de Hércules.
O dispositivo de seguridade quedará establecido a partir das 11.00 horas, procedendo ao peche total do circuíto ás 13.00 horas. A reapertura ao tráfico levarase a cabo de maneira progresiva, confirma á finalización da etapa e a chegada dos participantes á meta. Os cortes de tráfico motivarán desvíos e regulación das rúas paralelas para minorar os efectos ás persoas usuarias e veciños afectados polo evento.
Na zona de Monte Alto e Riazor, ante o corte total do paseo marítimo, recomendarase empregar como itinerarios de entrada e saída o túnel Marina-Parrote e a rúa San Andrés. Na zona do estadio de Riazor permanecerá pechada a rúa Manuel Murguía, establecéndose como alternativas a avenida da Habana e Gregorio Hernández para o acceso á Terceira Rolda.
O barrio dos Rosales, por onde atravesará a proba, establecerase un peche da rúa Manuel Azaña, no tramo comprendido entre a rolda de Outeiro e Emilio González López; habilitándose acceso aos Rosales desde a estrada dos Fortes cara á rúa Simón Bolivar, e establecéndose unhas zonas de paso que en función do discorrer da proba e o paso dos corredores permitan acceder aos viais interiores. Do mesmo xeito aplicaranse medidas similares para permitir o acceso e saída na zona de Labañou e vivendas do grupo María Pita.
Na zona do Portiño, será necesario restrinxir a circulación de vehículos mentres dure a proba, a cal se restablecerá en canto o paso dos corredores e participantes así o permita.
Tendo en conta que na zona de afectación atópanse centros escolares e educativos, asistenciais, servizos públicos, aparcadoiros; contactouse con todos eles para dar traslado das medidas previstas e as alternativas expostas para causar os menores prexuízos posibles, así como ás diferentes asociacións veciñais en aras a garantir a seguridade durante o desenvolvemento da proba e compatibilizar isto coas necesidades dos veciños e usuarios.
En próximos días, o Concello dará traslado das afeccións de maneira máis pormenorizada por zonas e barrios, así como das alternativas de transporte e mobilidade expostas.