Thursday 21 de November de 2024

Laxe destina 242.892 euros do POS a gasto corrente e a mellorar infraestruturas públicas


• A achega provincial servirá para cubrir gasto corrente e a realización de tres proxectos de renovación de infraestruturas básicas

• Inclúese un orzamento de 39.086 euros do POS Adicional, que servirá para ampliar os servizos sociais

• Na sesión plenaria aprobouse tamén a inclusión do proxecto de renovación da rúa Besugueira no POS Complementario, que conta cun orzamento de 270.232 euros

O Concello de Laxe vén de aprobar no pleno extraordinario celebrado este xoves, 8 de febreiro, a participación no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, destinando 242.892 euros a gasto corrente e a mellorar infraestruturas públicas.

A partida de obras contou cos votos 5 votos a favor do Partido Popular, dous tamén favorables por parte do BNG e o voto en contra do edil de Podemos.

Do POS correspondente ao ano 2024, a dotación de gasto corrente é de 11.801,52 euros. Esta partida orzamentaria tamén contén o proxecto de Acondicionamento de vías no lugar de Soesto, que conta cunha contía de 124.999,99 euros.

A achega provincial correspondente ao ano 2023 elévase ata os 106.090,97 euros, nos que se inclúen os proxectos de Acondicionamento de vías no lugar de Arrueiro (31.846, 60 euros) e a Renovación do firme na rúa Hospital (74.244,37 euros), un vial con gran tránsito de vehículos e de peóns no municipio.

Ademais engádese unha partida correspondente ao Pos Adicional, dedicado a Servizos Sociais, dotada con 39.086 euros, que serve para incrementar a dotación e mellorar o servizo de axuda no fogar.

Solicitude do POS Complementario para renovar o firme da rúa Besugueira

Durante o pleno tamén se aprobou a inclusión do Concello no Plan Complementario, no que se pretende incluír o proxecto de Renovación do firme na rúa Besugueira, que conta cun orzamento de 270.232,59 euros.

Desde o Goberno local quixeron destacar que con estes investimentos melloraranse as infraestruturas básicas no termo municipal, facilitando a vida cotiá dos veciños e das veciñas de Laxe.

Apuntaron tamén a importancia de seguir incrementando o orzamento en materia de servizos sociais, un dos departamentos máis importantes para o Concello debido ás características da súa poboación.