O vicepresidente da Xunta, fixo entrega hoxe de 12 motocicletas destinadas ao corpo da Policía local de varios concellos da provincia da Coruña
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda reiterou hoxe o compromiso do goberno galego coa xestión das emerxencias e coa seguridade da cidadanía galega, no acto de entrega 12 motocicletas destinadas para a Policía Local dos concellos de A Laracha, Ames, Arteixo, As Pontes, Cariño, Cedeira, Malpica, Noia, Oleiros, Porto do Son, Ribeira e Valdoviño.
Rueda, que estivo acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, destacou a gran labor da Policia Local dos concellos galegos, coma axentes máis próximos aos cidadáns, polo que incidiu na importancia e a necesidade de dotalos dos mellores medios para poder levar a cabo a súa actividade, tan relevante para a seguridade dos galegos, e grazas a esta entrega, poder prestar un mellor e máis rápido servizo aos cidadáns.
Ademais, esta dotación complementarase nos próximos días coa entrega doutras 14 motocicletas para concellos doutras provincias, ata facer un total de 26 motocicletas para 26 concellos en toda Galicia. Nos últimos meses xa foron entregados 55 vehículos tamén para as Policías Locais de Galicia.
Rueda destacou a importancia da colaboración e da cooperación entre Administracións, especialmente cando se trata de ofrecer un mellor servizo aos cidadáns en materias tan sensibles como as emerxencias ou a seguridade cidadá. Outros exemplos desta frutífera colaboración son os parques de bombeiros comarcais, os voluntarios de Protección Civil ou os Grupos de Emerxencias Municipais, GES. Polo que é fundamental a cooperación entre Xunta e municipios para ofrecer o mellor aos cidadáns, e máis se cabe nun ámbito como da seguridade e as emerxencias.
Nos últimos meses, ademais destas entregas de coches e motocicletas para as Policías Locais, tamén foron destinados máis de 4 millóns de euros a reforzar con medios materiais as agrupacións de Protección Civil alí onde máis o necesitan, xa que foron eles mesmos os que estableceron as súas prioridades. Así, entre outro material, entregáronse 40 furgóns, 40 todoterreos, remolques, esparexadores de sal e nos vindeiros meses entregaranse tamén lanchas pneumáticas.
En definitiva, colaboración cos concellos para dotar dos mellores medios á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil, e dotar e manter aos GES, aos bombeiros comarcais, e ofrecerlles tamén formación dende a Academia Galega de Seguridade Pública.