“Queremos comprometernos con todas as cuestións que lle importan aos composteláns, a falar das cousas que lle preocupan no día a día” explicou Aitor Bouza
Comprométense tamén coa reforma integral do CEIP Vite I, a creación dunha escola infantil no barrio de Santa Marta e en estender o servizo de hospitalización a domicilio para a zona rural
Co obxectivo de “falar das cousas do día a día” o Partido Socialista presentou este xoves o seu programa electoral específico para Santiago de Compostela. Fíxoo o candidato por Compostela e Secretario Xeral dos socialistas en Santiago, Aitor Bouza que destacou que con esta batería de propostas o PSOE busca “comprometerse coas cuestións que lle importan e afectan aos composteláns de maneira directa”.
Entre as prioridades marcan a vivenda e a sanidade. Propoñen os socialistas aumentar o número de vivendas de promoción pública en Compostela e a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, co obxectivo de poñer tope aos alugueiros para evitar a migración interior “porque hai familias novas e mozos que non poden pagar o alugueiro”.
Tamén en materia sanitaria, comprométense os socialistas a desbloquear o aparcadoiro do Hospital Clínico coa construción dun parking con capacidade para 400 prazas na parcela sita ao carón do CiMUS, cedida xa o pasado ano polo goberno socialista á Xunta.
Desde o PSdeG márcanse tamén como obxectivo prioritario mellorar a atención sanitaria aumentando os recursos materiais e humanos para reducir o colapso das urxencias do CHUS, así como a listaxe e o tempo de agarda de hospitalización. Tamén, pensando no extenso rural de Compostela, Bouza incidiu na necesidade de estender o servizo de hospitalización a domicilio.
Nova escola infantil en Santa Marta e reforma integral do CEIP Vite I
En materia educativa, Bouza comprometeu que o futuro goberno de José Ramón Gómez Besteiro impulsará un proxecto de reforma integral das instalacións do CEIP Vite I, con atención ás necesidades do alumnado con mobilidade reducida. Tamén melloras, pero en materia de recursos son as que defenden para o IES Antón Fraguas, no que se comprometen a suplir a falta de profesorado para a docencia presencial.
Insiste Bouza ademais na necesidade de dotar o barrio de Santa Marta dunha escola infantil co obxectivo de dar cobertura ás familias que así o demandan. Ao tempo, comprométense tamén a ampliar a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio Profesional de Música e a crear un Conservatorio de Danza.
Tamén en materia de servizos, Bouza defende que é imprescindible “garantir un futuro digno para os nosos maiores” polo que insiste na necesidade de construír un centro de día no barrio das Fontiñas.
Promover un turismo “responsable e conciliador” e máis fondos para Compostela
Entre as propostas dos socialistas de cara as eleccións do 18F, tamén avogan por un modelo turístico sostible e responsable. Bouza defende que cun goberno socialista na Xunta de Galicia promoverase o turismo deportivo e gastronómico: “para conseguir que Santiago sexa tamén a capital gastronómica de Galicia” insiste.
Compromete tamén unha ampliación da aportación da Xunta ao Consorcio, co que impulsar importantes programas de axudas á rehabilitación; e ao estatuto da Capitalidade. Defende Bouza que se trata dunha asignación importante que recibe a nosa cidade polo feito de soportar os sobrecustos de ser capital de Galicia -como a limpeza cando hai grandes eventos ou o despregue policial cando se realizan manifestacións, por exemplo-: “queremos que se compensen eses gastos, que se incremente a partida que leva anos conxelada e que se equipare ao gasto real” recalca.
Insiste Bouza na importancia de incrementar esta partida, toda vez que logo de levar anos conxelada, é o Concello o que está a asumir ese sobrecusto, mermando a capacidade económica para exercer as competencias que lle corresponden.
“Os orzamentos de Santiago son unha boa nova para Compostela: non é un acordo político, é un acordo de cidade”
A preguntas dos xornalistas, Bouza tamén se referiu á aprobación dos orzamentos municipais para o 2024, facilitadas co voto a favor dos socialistas. Defende o Secretario Xeral do PSdeG en Santiago que se trata dunha “boa nova para Santiago” e dun acordo !que non é político, senón un acordo de cidade”: “Santiago de Compostela merecía e necesitaba duns orzamentos”.
Bouza defendeu que coas contas aprobadas poderán darlle continuidade aos proxectos do goberno socialista. Entre os proxectos están as reurbanizacións de Mallou ou García Lorca (Vite), a estación de reparto de mercadorías no casco histórico ou as rehabilitacións dos pavillóns de Vite e Santa Isabel. Tamén a ampliación da inversión no Servizo de Axuda no Fogar ou o cumprimento do Pacto polo Rural, cun 3% do orzamento dirixido a investimentos no rural.
O secretario xeral dos socialistas arremeteu ademais contra o portavoz dos conservadores, Borja Verea ao que acusou covardía política por non defender el o voto en contra dos orzamentos municipais. “Fáltanos unha explicación” critica Bouza que cuestiona a decisión de Verea de “dar un paso atrás” para non defender a súa oposición.
“Con cal dos puntos do acordo asinado non está de acordo?” cuestiona Bouza que convida ao portavoz do Partido Popular a debater sobre o contido dos orzamentos: “queremos quitarlle a carouta ao Partido Popular” defende, sinalando que os conservadores “non teñen proxecto para esta cidade”.