Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño critica a tardanza da Xunta en publicar o novo mapa de restricións para a plantación de pataca


O Concello recomenda agardar “uns días” a que saia no DOG a actualización do plan de contención da couza guatemalteca, posto que cabe a posibilidade de que a obriga de declarar as plantacións só lle afecte a determinadas parroquias e non a todo o territorio como ata agora

San Sadurniño critica a tardanza da Xunta en publicar o novo mapa de restricións para a plantación de pataca

Durante estes días e, de feito, desde hai varias semanas, todas as agrotendas da volta andan atarefadas subministrando encargas de pataca de semente para poñer na terra tan pronto como enxaugue a terra, aínda que hai moita xente que xa as ten plantadas. Nesta altura do ano cómpre recordar que, en espera do que diga a Xunta, San Sadurniño segue sendo zona de declaración obrigatoria das plantacións, de acordo co plan de contención e erradicación da Tecia solanivora povolny, máis coñecida como couza guatemalteca da pataca ou couza da pataca a secas. As declaracións da superficie sementada, a súa situación e as variedades deben comunicarse antes do 1 de abril e en todo caso sempre despois de plantar, nunca antes. O trámite pode facerse en liña ou acudindo ao Concello. A este respecto, desde o Goberno local critícase que a Xunta de Galicia aínda non publicase a orde correspondente ao plan de contención de 2024 -no que se indicarán as zonas de corentena, as zonas tampón e as libres-, a pesar de ter constancia extraoficial de que Medio Rural dispón dos datos actualizados da praga desde antes do Nadal. Por esta razón tamén se recomenda agardar pola publicación do novo mapa de restricións antes de presentar a declaración, que podería ser obrigatoria só en determinadas parroquias.

O ano pasado, a Xunta publicou o alcance do plan de contención o día 9 de xaneiro, xusto a tempo para que a veciñanza soubese a que aterse antes de mercar a semente da pataca de cedo. Porén, neste 2024 estamos xa a día 8 de febreiro “e no Diario Oficial de Galicia aínda non saiu nada”, lamenta o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela.

Segundo asegura Varela, “temos información extraoficial de que a Consellaría do Medio Rural sabe desde uns días antes do Nadal en que zonas se vai poder plantar e en cales non, e tamén cales van ser consideradas zonas libres e zonas tampón, como foi o caso de San Sadurniño durante todo 2023. No momento en que estamos, coa xente encargando pataca da semente, a Xunta debería ter publicado xa a orde que rexerá durante todo este ano, algo que aínda non fixo”.

O edil vai máis aló apuntando que, ao parecer, as razóns de que aínda non se publicase a actualización do mapa de contención e erradicación da couza “son puramente electoralistas” posto que decretar a prohibición das plantacións nunha zona determinada “é unha medida impopular, aínda que sexa necesaria e obrigatoria para frear o avance da praga, e por iso seica a Xunta está retrasando a publicación da orde para despois das eleccións autonómicas”.

Á espera de que finalmente se actualice o plan de contención, o que segue en vigor é o do ano pasado, no que San Sadurniño figuraba como zona tampón e, polo tanto, como territorio onde se pode plantar con declaración obrigatoria a Medio Rural inmediatamente despois da sementeira -e sempre antes do 1 de abril- de todas as parcelas cultivadas, aínda que sexa só un simple rego.

Tendo en conta ese prazo, desde o Concello recoméndase “agardar uns días a ver se a Xunta publica o novo mapa”, xa que cabe a posibilidade de que este só lle afecte a determinadas parroquias e non a todo o territorio.

Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.

O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural. No Concello hai formularios en papel para cubrir á man e, de haber algunha persoa que o precise, tamén se lle axudará co trámite.

A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas do municipio que vendan pataca de semente (acceso ao formulario) ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona específica para a captura da Tecia solanivora povolny.