Monday 02 de December de 2024

A Xunta dota os Polos Creativos dos centros educativos cun kit didáctico encadrado no Día Internacional da muller e a nena na Ciencia


— O secretario xeral técnico da Consellería de Educación comproba no Colexio O Cruce, de Cerceda, o funcionamento deste material

— O kit está composto por cinco actividades distintas nas que se pon en valor o papel de grandes mulleres relevantes no eido científico

A Xunta de Galicia vén de dotar os Polos Creativos dos centros educativos cun kit didáctico encadrado no Día Internacional da muller e a nena na Ciencia, que se celebra oficialmente o vindeiro domingo, día 11.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, achegouse esta mañá ao Centro Público Integrado CPI O Cruce, de Cerceda, para ver in situ este material que ten como finalidade poñer en valor o papel de mulleres relevantes no eido científico. O representante do departamento educativo da Xunta salientou a importancia deste tipo de actividades “que, de seguro, axudan a incentivar as vocacións científico-técnicas entre as nenas”. Neste obxectivo tamén se enmarca a xornada de hoxe organizada polo colexio de Cerceda, onde os alumnos tiveron un encontro por videoconferencia coa astrofísica Evanthia Hatzminaoglou, que traballa como investigadora no Observatorio Europeo Austral en Múnic (Alemaña).
Canto ao material didáctico enviado aos Polos Creativos, cómpre sinalar que o kit está composto por cinco actividades distintas para uso do alumnado. Trátase dun xogo, un taboleiro clásico en cartón e outro en DM, todos eles con referencia a mulleres relevantes na ciencia, un cubo máxico de 12 astrónomas destacadas e un caleidociclo con catro mulleres representativas no mundo da óptica. Este material está deseñado de xeito que os rapaces teñan que empregar material do Polo Creativo para a súa manipulación e montaxe, como impresoras ou cortadoras, entre outros.
Cómpre lembrar que os Polos Creativos son espazos educativos innovadores postos en marcha no curso 2022/23 en todos os centros de Infantil, Primaria e ESO sostidos con fondos públicos, e que están dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico matemáticas entre os máis novos. Neles trabállase a creatividade a través da superación de retos tecnolóxicos e dixitais, a resolución de problemas ou a construción de prototipos, entre outros.