Saturday 16 de November de 2024

A médica Ana Belén Pérez explicou en San Sadurniño como actuar ante unha urxencia infantil


Foi no primeiro obradoiro do ciclo “Escola de Familias” organizado polo Concello até o mes de maio

O programa municipal “Escola de Familias” arrancou hoxe na Casa da Cultura de San Sadurniño cun interesante obradoiro ofrecido pola médica do CHUF Ana Belén Fernández Pérez. A especialista abordou as técnicas básicas de atención inmediata ante un atragantamento, unha parada cardiorrespiratoria ou outras urxencias, parándose especialmente nos procedementos que se deben poñer en práctica cando se trata de bebés ou nenas e nenos pequenos. Ao encontro asistiron unha ducia de persoas. O ciclo prosegue o próximo día 28 cunha charla sobre comunicación e estilos educativos.

“Escola de Familias” é unha iniciativa dos departamentos de Educación Familiar e Servizos Sociais que lles ofrece ás familias con rapazada pequena ou adolescente un espazo onde aprenderen sobre saúde, resolución de conflitos e prevención de adicións, co obxectivo de axudarlles na crianza das súas fillas e fillos.

Ademais, esta escola informal -que fusiona os anteriores programas municipais “Espazos das familias” e “Tempos das familias”- tamén está concibida como punto de encontro para intercambiar impresións ou pedirlle consello ás especialistas que imparten cada obradoiro, como foi hoxe o caso de Ana Belén Fernández.

A médica do CHUF -que ademais tamén é nai- explicou ,entre outras cousas, como actuar ante unha parada respiratoria ou un atragantamento infantil: o xeito en que se masaxea un bebé, a maneira de practicarlle un boca a boca, que manobra debemos facer para que bote fóra o que teña atoado na gorxa, etc. Consellos todos eles que poden ser vitais nunha urxencia, momento no que sempre se debe manter a calma e avisar de inmediato ao 061.
En próximas sesións de “Escola de Familias”, o Concello tamén contará coa colaboración da psicóloga clínica Pilar Carballeira e da coach e educadora Laura Balado, que abordarán temas relacionados co control das rabietas e a prevención do bullying. Ademais, nas cuestións que teñen máis que ver coa prevención de condutas aditivas, a mellora da comunicación e as normas e límites no seo da familia, tamén axudará persoal experto de ASFEDRO, no marco dun programa financiado pola Consellaría de Sanidade.

O programa, que está orientado a nais e pais ou persoas coidadoras de rapazada desde os 0 aos 16 anos, continúa até o mes de maio coas seguintes propostas, todas na Casa da Cultura:
28 de febreiro, de 17:00 a 18:30h: Comunicación na familia e estilos educativos. Para familias con rapazada en Primaria ou Secundaria, de 6 a 16 anos.
6 de marzo, de 17:00 a 19:00h: Coñecendo as rabietas, normas e límites na primeira infancia (0 a 6 anos).
20 de marzo, 17:00 a 18:30h: Impacto e prevención do bullying na vida das nosas crianzas (6 a 16 anos).
24 de abril, 17:00 a 18:30h: Normas e límites na familia (6 a 16 anos).
29 de maio, 17:00 a 18:30h: Condutas aditivas (6 a 16 anos).
Todos os obradoiros son gratuítos, pero fai falla inscrición previa a través do 673 903 922 ou do correo veronica.perez@sansadurnino.gal.