Saturday 16 de November de 2024

Máis de mil deportistas participarán na Copa Cidade da Coruña de Taekwondo esta fin de semana


O evento, que converterá a cidade no epicentro nacional deste deporte, terá lugar no Coliseum con entrada gratuíta

O Coliseum da Coruña acollerá esta fin de semana a XVIII Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, que contará coa participación de máis de mil deportistas de todo o territorio nacional, convertendo a cidade no epicentro desta disciplina.

O Concello organiza esta proba en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e a Escola de Taekwondo Garrapucho.

Esta competición é unha das máis emblemáticas deste deporte das que se programan en Galicia e permitirá ver en directo os mellores deportistas nacionais, que buscarán acadar bosresultados de cara ao resto de eventos nacionais e internacionais. Este campionato serve en Galicia para clasificarse para as diferentes competicións estatais de cada categoría. Tamén é válido para o ránking nacional na categoría Máster, que dá acceso ao Mundial e ao Europeo.

Participarán persoas de ata oito categorías: infantil, precadete, cadete, júnior, sénior e máster 1, 2 e 3. O sábado 10 a xornada de mañá comezará ás 09.00 e rematará ás 14.00 horas. Pola tarde, o horario de competición será de 15.00 a 20.00 horas. O domingo a xornada comezará ás 09.00 horas. A entrada ao recinto será gratuíta ata completar a capacidade en ambas as xornadas.

“O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta pola promoción do deporte e a programación na nosa cidade de grandes eventos que permitan, á vez que fomentan a participación da cidadanía no tecido deportivo, visibilizar A Coruña no exterior e xerar un retorno económico inmediato”, sinala Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, que recibiu no Palacio dos Deportes de Riazor á directiva e integrantes da Escola de Taekwondo Garrapucho, aos que agradeceu o seu labor na organización deste evento de carácter nacional.