Monday 25 de November de 2024

O Concello de Fene mellora o firme e a seguridade viaria no Camiño de Mundín


Esta semana estanse a levar a cabo os traballos de aglomerado do firme, como paso previo á instalación de sinalización para habilitar unha zona de paso para peóns

O alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, supervisaron o desenvolvemento dos traballos

O Concello de Fene está a executar no Camiño de Mundín unha serie de actuacións que teñen como obxectivos principais a mellora do estado do firme -deteriorado polo paso do tempo e a falta de drenaxe- e o incremento da seguridade viaria para os peóns.

A ausencia dun sistema de drenaxe estaba a provocar que as augas de escorrenta discorresen pola plataforma deste camiño, causando importantes deterioros no firme, o que levou á concellaría de obras a deseñar unha serie de actuacións para darlle solución ao problema. Aproveitando dita necesidade, o goberno municipal decidiu levar a cabo unha ampliación da plataforma, habilitando un ancho medio de 5,5 metros para a circulación de vehículos, e un metro adicional para o paso de viandantes.

Con este novo ancho conséguese incrementar a seguridade viaria, ao permitir o cruzamento de dous vehículos en sentidos opostos de maneira segura. Mais se cadra resulta máis importante a habilitación dunha zona de paso ao mesmo nivel destinada á circulación de persoas, cun ancho mínimo dun metro en todo o trazado do camiño.

“Trátase dunha obra moi importante debido o gran número de persoas que empregan este percorrido para pasear a diario” sinalou o alcalde de Fene, Juventino Trigo, durante a visita ás obras, nas que estivo acompañado do concelleiro Manuel Polo.

A zona de actuación comprende un total de 600 metros de trazado, nos que xa ten finalizadas a instalación dunha canalización da drenaxe en ambas beiras da plataforma, así como a instalación dun bordillo de formigón, como pasos previos á imprimación asfáltica -iniciada esta semana- e posterior pintado.