O campo quedará terminado esta semana e desde o sábado poderanse xogar alí os primeiros partidos
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá o novo campo de fútbol municipal do barrio de Eirís, que esta semana quedará recepcionado, unha vez finalicen os últimos traballos no recinto. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
“Supervisamos os remates finais dunha obra que permitiu mellorar as instalacións de maneira notable e poñelas ao par das máis modernas”, sinalou Inés Rey, quen destacou que o campo de Eirís é unha instalación moi demandada polo tecido deportivo durante os últimos dez anos e que por fin agora se concreta. A obra estará concluída nos próximos días e esta mesma fin de semana poderá acoller os primeiros partidos, proporcionándolle aos equipos da cidade, un novo espazo onde desenvolver a súa actividade.
As actuacións supuxeron un investimento de 2 millóns de euros. Remodelouse a superficie campo de fútbol, que pasou de ser de terra ao actual céspede artificial, adaptando nas súas medidas aos estándares da FIFA. Ademais, tamén se instalaron catro novas torres de iluminación, dous bancos para fútbol 11 e outros catro para fútbol 7. O campo queda completo cun novo peche perimetral.
Ademais da construción do novo campo, tamén se crearon uns novos vestiarios, totalmente equipados. Concretamente, o recinto conta agora con catro vestiarios para equipos de fútbol, dous para colectivos arbitrais, unha oficina e un almacén. Tamén hai tres aseos e un local para gardar o material deportivo.
“Coa posta en funcionamento deste novo campo de Eirís seguimos a amosar a nosa aposta e o noso compromiso cos equipos de fútbol da cidade, cunha infraestrutura necesaria e moi demandada”, sinalou Inés Rey, quen invitou aos equipos da cidade a coñecer e facer uso das novas instalacións.