Friday 22 de November de 2024

O Concello abre mañá o prazo para participar na XXXIII Mostra de Teatro Escolar


Os grupos escolares poderán apuntarse na web do Concello ata o 29 de febreiro

O Concello abre mañá o prazo de inscrición para a 33ª edición da Mostra de Teatro Escolar, unha das actividades máis veteranas e arraigadas entre os centros escolares da cidade. Para participar, os grupos escolares deben rexistrarse a través da ficha de inscrición dispoñible na páxina web municipal, con data máxima do 29 de febreiro.

Como novidade, este curso cada grupo representará a súa obra soamente no seu centro e
noutro centro da mesma etapa educativa, que recibirá ao grupo de teatro visitante en lugar de facer dous intercambios como viña sendo habitual. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey busca facilitar aos centros a realización doutras actividades complementarias.

Ademais, as obras de teatro poderán ser representadas en horario escolar ou extraescolar, de xeito que se incorporen grupos procedentes da oferta de actividades extraescolares desenvoltas polas diferentes ANPAS. Cada centro poderá inscribir un máximo de tres grupos de Educación Infantil, tres de Educación Primaria e dous de Educación Secundaria, ata un máximo de 30 grupos participantes nesta 33ª edición.

O Concello da Coruña farase cargo do servizo de transporte e cada grupo recibirá unha axuda económica para afrontar os gastos xerados pola actividade teatral por un importe máximo de 300€ por grupo. A mostra realizarase nos meses de marzo a xuño de 2024, nas datas que acorden os centros participantes. O programa finalizará con unha gala o venres 14 de xuño de 2024 no Forum Metropolitano.

Todas as representacións serán valoradas por un xurado que elixirá a mellor en cada unha das categorías -infantil, primaria e secundaria- e que participarán na gala final. Ademais, establécese como premio un cheque por valor de 100€ para cada un dos 3 grupos gañadores.