• Propoñerase destinar parte dos fondos da Deputación á renovación da iluminación na rúa Grela de Paleo, á reforma do centro deportivo e á rehabilitación da pista deportiva de Tabeaio.
O goberno local exporá dedicar 795.398,20 euros do Plan Único da Deputación á execución de obras en todo o termo municipal. A contía provincial usarase cun dobre obxectivo: por unha banda, servirá para poñer o foco na seguridade viaria e na accesibilidade tanto no núcleo urbano como nas parroquias e, polo outro, a achega da Deputación empregarase tamén na mellora de servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. A proposta elevarase no pleno extraordinario de hoxe, martes 6 de febreiro, ás 19.00 horas.
En materia de seguridade viaria exporanse varios proxectos: a mellora da capa de rodadura e formación de cunetas e beirarrúas en Quembre (entre Montecelo a Cimadevila); a mellora das cunetas en Tabeaio (na zona de Gosende); a construción de beirarrúas na rúa Río Canles; a mellora dun vial en Balbén e, por último, os labores de humanización da rúa Souto.
No que a infraestruturas e servizos refírese, o equipo de goberno expón a renovación da rede de iluminación con LED en Grela de Paleo, o proxecto de reforma interior do centro deportivo e a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos. A proposta que exporá o goberno local contempla tamén destinar outros 65.640,82 euros a gasto corrente.
Gastos sociais
O goberno local elevará, ademais, a proposta de POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios. Neste caso, os fondos da Deputación servirán para reforzar a área de Servizos Sociais. Neste caso, a contía provincial destinarase a contratar a unha nova traballadora social, a ampliar a partida municipal de emerxencia social e a sufragar os gastos da modalidade de dependencia do servizo de axuda no domicilio. Estes tres conceptos supoñen un gasto anual de 116.151 euros, dos cales a Deputación subvencionará 57.273,49 euros.