• Trátase dunha serie de documentos antigos, tarxetas postais e fotografías antigas facilitadas polo seu fillo Joaquín Vidal Rodríguez
• O Goberno do Concello de Laxe quere agradecer este xesto e xenerosidade por parte da súa familia
O Concello de Laxe vén de recibir unha doazón de documentación histórica por parte da familia de Dª Lucía Martínez Pérez, a cargo do seu fillo Joaquín Vidal Martínez, por desexo expreso de súa nai, que finou o pasado 2 de febreiro de 2024.
Trátase dunha serie de documentación histórica, tarxetas postais e fotografías antigas que se atopaban na súa posesión, que aportan un gran valor histórico, cultural e patrimonial para o municipio.
Ademais de distintas fotos antigas de diferentes localizacións, a achega contén dous documentos do ano 1.854; unha descrición dos servizos existentes do Partido Judicial de Carballo de 1.905, 1.913 e 1.925; e un escrito do Alcalde de Camariñas ao Alcalde de Laxe do ano 1852 no que se solicitaba localizar a unha muller que fuxira cun carabineiro desa localidade, abandonando ao marido e aos fillos, entre outra moita documentación interesante.
Con esta doazón, tanto a finada como a súa familia queren agradecer as mostras de dor dos veciños e das veciñas do Concello, deixándolle este agasallo para o seu recordo que contribúa a engrandecer o patrimonio histórico e cultural de Laxe.
O Goberno do Concello de Laxe quere agradecer este xesto de xenerosidade para o ben común por parte de Lucía Martínez Pérez e da súa familia, que son o seu marido Joaquín Vidal Rodríguez, os seus fillos Manuel, Joaquín e Antonio, a súa filla política Diana e a súa neta Alba.