Friday 22 de November de 2024

O Concello propón dúas tardes de Entroido “máxicas” cun concurso de disfraces que repartirá 3.000 euros en premios.


 O sábado 11, o Pavillón de Ponteceso acollerá a XXX edición do Desfile de Disfraces, que conta cun prazo de inscrición ata o venres ás 14.00 horas e é o prato forte dunha tarde con DJ, fotomatón, inchables e degustación.

 A tarde do martes 13 celébrase o Baile de disfraces no Pavillón de Corme

O Concello de Ponteceso vivirá o domingo 11 de febreiro e o martes 13 dúas tardes de Entroido “máxicas”. O executivo local, por medio da súa área de Cultura, propón un Entroido repartido entre o pavillón de Ponteceso e o de Corme, que contará con desfiles, animación, música e obradoiros ambos os dous días e repartirá ata 3.000 euros en premios.
Concretamente, faráo o domingo 11 na que será a XXX edición do Desfile de Disfraces ‘Ponte de Entroido’. As inscricións para participar, que se poden formalizar nas oficinas municipais, na sede electrónica ou a través do teléfono 630 90 71 24, permanecerán abertas ata o venres 9 de febreiro ás 14.00 horas.
As persoas interesadas poderán participar en diferentes modalidades: 11 ou máis persoas (premio de 250 euros), 6 a 10 persoas (200), 5 ou menos persoas (100). Ademais, os propios participantes serán os encargados de elixir o mellor disfrace atendendo a súa orixinalidade, laboriosidade e deseño, ademais da simpatía e posta en escena do ou da participante. Ese galardón, non acumulable ao resto, está premiado con 400 euros.
O certame será o prato forte dun domingo que arrincará ás 17.00 horas na praza do Relleno ata chegar ao pavillón de Ponteceso. A partires das 17.30 está previsto o inicio dos desfiles e actuacións no palco. Xa sobre as 19.00 horas comezará a festa rachada, con DJ, fotomatón, obsequios, inchables e degustación dos produtos típicos do Entroido.
Tras esta xornada de domingo, a troula non remata. O martes 13 de febreiro a actividade trasládase ao pavillón de Corme, co Baile de disfraces. A partires das 17.30 horas comezará a actividade para os cativos e cativas cos inchables. Unha hora despois, sobre as 18.30, arrincarán os desfiles e os obradoiros, ademais da actuación dun dúo musical e a degustación prevista.
Este será o xeito do Concello de Ponteceso para axudar a que a súa veciñanza desfrute, seguindo coa temática das Fadas de Pondal, un “Entroido máxico”.