Friday 22 de November de 2024

Neda inaugura este venres o Entroido co seu tradicional Festival de Comparsas


A cita celebrarase no pavillón municipal Ale de Paz, virá precedida dun desfile, e como novidade, o Concello convida á veciñanza a participar nun concurso de disfraces

Tras pechar o prazo de inscrición, o Concello de Neda daba a coñecer esta mañá o nome das comparsas e grupo que tomarán parte no seu festival de Entroido este venres 9 de febreiro. Un festival que, un ano máis, conducirá o showman local Dani Ríos, e que inaugurará a programación festiva da localidade. Serán estas:
-Tróupele Tróupele de Narón
-O Aturuxo de Melpómene de Narón
-A revolta de Transacos de Ferrol
-Os Colludos de Ferrol
-A Canteira do Puntal de Neda
-Os Argalleiros de Narón
-Vide vindo de Ferrol
-As Xoaniñas de Chao de Narón
-Grupo: As Caralletas de Neda

A orde de actuación decidirase mañá martes, no sorteo que se realizará coa presenza de representantes de todas as comparsas.

O festival celebrarase no pavillón municipal Ale de Paz, e virá precedido dun desfile que arrancará na Avenida de Castelao ás 20 horas. Sobre o escenario, deberán interpretar as súas cancións, con letras en galego e unha temática centrada en Neda ou en persoeiros da vila.

Concederanse diplomas ás que, a teor do xurado, destaquen polo enxeño á hora de criticar a realidade local ou comarcal, pola orixinalidade e vestimenta e, como non, pola animación na rúa.

Así mesmo, e como novidade este ano, o Concello de Neda buscará a complicidade da veciñanza, á que anima a participar no Concurso de Disfraces. Haberá 3 categorías: individual, parellas e grupos -con entre 3 e 6 integrantes-, e premios para os mellores consistentes en cestas con produtos típicos destas datas. Todos eles deberán desfilar sobre o escenario tralas actuacións das comparsas, e poderán anotarse no propio pavillón dende o mesmo inicio do festival.