Saturday 16 de November de 2024

A Pobra asumirá a través do POS o financiamento de gasto corrente, cinco proxectos e gastos sociais extraordinarios


O financiamento de gasto corrente, investimento en cinco proxectos e sufraga-los gastos sociais extraordinarios son o principal destino da achega do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal.
O goberno municipal da Pobra do Caramiñal debullou o contido das propostas que levará ao pleno ordinario do 8 de febreiro. O alcalde, José Carlos Vidal, fai fincapé na importancia deste Plan para alixeirar a carga nas arcas municipais de tódolos concellos da provincia da Coruña e permitir facer fronte a unha serie de obras que, neste ano, se focalizarán na mellora da accesibilidade, infraestruturas e dotación de servizos, ademais de seguir contribuíndo á mellora da calidade de vida da veciñanza máis vulnerable.
Un total de 200.540’01 euros do POS+2024 irán para o financiamento de gasto corrente, mentres que con cargo ao remanente do POS+2023 se executarán catro intervencións por un importe total de 157.373’12 euros (155.520’82 euros procedentes do ente provincial e 1.852’30 euros do Concello).
Neste senso, o concelleiro da Facenda, Eloy Sobrido, salienta a aportación da Deputación da Coruña para estas actuacións demandadas pola cidadanía, e, ao posibilita-lo contrato menor, o procedemento realizarase con axilidade.
A mellora de accesibilidade e seguridade da praia dos Areos (30.062’52 euros) suporá a corrección da pendente de tres ramplas adaptándoas á normativa vixente, dotación de varandas e reparación dunha das escaleiras e de parte do muro.
En canto á mellora de accesibilidade, instalación de cancelas en accesos e tratamento de fachadas da praza de abastos (34.859’72 euros) traducirase na substitución das portas dos laterais e arranxo doutras; eliminación do escalón na zona de montacargas e eliminación de humidades que filtra o exterior do edificio segundo detallou a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo.
O concelleiro do Urbanismo, Xosé Lois Piñeiro, explicou que no paso da praia da Lombiña ao Campo da Alta (47.966’67 euros) actualizaranse os madeirames, nivelarase a zona, proporcionarase malla antiesvarante á pasarela e colocarase mobiliario.
E a pavimentación de vías do polígono da Tomada (44.484’21 euros) consiste na substitución do aglomerado da estrada que vai da rotonda da AC-302 á rotonda principal do parque empresarial pobrense. En palabras da concelleira das Obras, Patricia Lojo, isto “redundará positivamente no tráfico rodado, tanto para transportistas como para as miles de persoas empregadas nas factorías.”
Na firme aposta de seguir achegando servizos básicos á cidadanía, participarase no Plan Complementario mediante a subministración de saneamento en Ouxo por un valor de 126.120’50 euros. “Seguiremos traballando para proporcionar servizos básicos como auga e saneamento á veciñanza, especialmente, dos núcleos rurais”, remarca o mandatario local.
Tamén a vertente social adquire un significativo cariz a través do POS+ Adicional 1/2024 para o programa de alimentos e comedor sobre rodas, entre outros investimentos. A contía sitúase nos 69.600 euros (57.297’15 euros da Deputación e 12.302’85 euros da Administración local).