Romarías, barcos, xardíns… Elementos propios da idiosincrasia holandesa e galega están presentes na trintena de cadros que Karin Kuijper exhibe na casa da cultura Raquel Fernández Soler ata finais de mes.
Natural de Utrecht, nos Países Baixos, reside en Rianxo dende hai anos e o seu interese pola identidade galega fixo que pescudase máis sobre as nosas tradicións para reflectilas no acrílico sobre o lenzo. De feito, actualmente, atópase inmersa no estudo dos diversos disfraces do Entroido galego, como os peliqueiros de Laza ou as damas e galáns de Cobres, que gozan de moito colorido, do mesmo xeito ca as pinturas de Kuijper. Pintora autodidacta, dende moi nena decantouse polo debuxo e, logo de xubilada do ámbito sanitario como enfermeira, decidiu dedicarse por completo á actividade artística.
Durante a apertura da mostra na tarde do día 2 de febreiro estivo acompañada pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen destacou “a vitalidade destas obras nas cales predominan a cor e a fantasía propias do estilo naíf.” “A casa da cultura é un espazo moi importante na vida cultural da comarca e goza de gran dinamismo con mostras tódolos meses: fotografía, escultura, pintura… Aquí tódalas disciplinas artísticas teñen cabida independentemente de se proceden de colectivos ou particulares, noveis ou xa consagrados”, remarcou a edil. O acto estivo amenizado por Barahúnda.
A exposición pódese visitar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.