Haberá catro funcións de teatro para bebés ata maio e as entradas xa están á venda
O Concello, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, inicia este mes de febreiro o ciclo Bebescena de primavera, con catro funcións de teatro para bebés ata o mes de maio que se celebrarán no auditorio do Centro Sociocultural Ágora.
As entradas para todas as funcións xa están á venda a un prezo de 6 euros. Tamén hai dispoñible un abono familiar de tres entradas para a mesma función a un prezo de 15 euros.
Os menores de tres anos aboarán 2 euros por entrada. A compra de billetes pode realizarse a través de Ataquilla e dos despachos de billetes da praza de Ourense e do Ágora.
As obras para espectadoras/es tan precoces reúnen algúns requisitos. Un deles é a proximidade entre a escena e o público, o que leva a que o patio de butacas se transforme nunha zona pegada ao escenario, con alfombras, coxíns ou pequenos bancos, onde nenas e nenos poden permanecer sentados con menos rigor e dun xeito máis acorde á súa anatomía, á beira dos seus pais. O segundo requisito é a duración, que flutúa entre 30 e 45 minutos, que é o tempo que a atención dun bebé se pode fixar na actividade.
As propostas que o Goberno de Inés Rey ofrece neste ciclo este ano son moi variadas: con ou sen palabras, con obxectos, con música, con movemento, con efectos audiovisuais…
Todas pretenden espertar sensibilidades e transmitir emocións achegando aos mais pequenos ao teatro, á danza e á música
PROGRAMACIÓN
‘Texturas’, da Compañía La Curiosa
Domingo 25 de febreiro – 11.30 e 13.00 horas
Sinopse: Espectáculo 360º pensado para crianzas de 0-5 anos e as súas familias. Un mundo para explorar as texturas desde a música, a imaxe e o tacto. Un espazo branco que se transforma e non deixa de sorprender. Un espectáculo para os máis pequenos onde os grandes tamén xogan.
‘Coser y cantar’, de Teloncillo Teatro
Domingo 24 de marzo – 11.30 e 13.00 horas
Sinopse: Un espectáculo cargado de fíos, las, teas, botóns, palabras, sons, música e cancións. Fíos para un corazón descosido, cantos para un sete no calzón, contos para tecer bobadas, agullas para soñar en camisón. As cancións do espectáculo están compostas por Ángel Sánchez e ganduxadas -coma sempre, por Marieta Monederosobre poemas populares e de autores como Rafael Alberti, Ignacio Sanz, Charo Ruano, Liliana Cinetto e Cecilia Pisos.
ÑAM!, de Caramuxo Teatro
Domingo 28 de abril – 11.30 e 13.00 horas
Sinopse: Comer é un pracer, pero antes hai que cociñar e escoller os mellores produtos, porque as mazás poden ser verdes ou vermellas, as galletas grandes e pequenas, os tomates da casa ou doutro lado do mundo. Ñam! é un espectáculo creado a partir do mundo da cociña, para ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia.
‘Tú y yo’, de DaTe Danza
Domingo 12 de maio – 11.30 e 13.00 horas
Sinopse: Dous corpos que respiran todo o que lles rodea. Dous corpos que aprecian o que non coñecen, dous corpos que xorden, crecen e descóbrense na súa tenra vida a través do xogo e da curiosidade. “Tu y yo”, latexa dentro deses lugares comúns ás persoas, que ao compartilos vólvense presentes e nos fan mellores o recoñecelos.
“Tu y yo”, nace coa condición de utilizar os límites que conviven coas persoas, e usalos como discurso para a creación do espectáculo. Deseñado especialmente para a primeira infancia, este espectáculo ábrese a un mundo de posibilidades para bebés, nenos, nenas (de 6 meses en adiante) e familias.