A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o xurado neste primeiro acto da programación do entroido coruñés
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o xurado do concurso de comparsas na modalidade de música e letra, celebrado esta tarde no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, e que supuxo o inicio da programación municipal do entroido. Neste concurso participaron as comparsas Malandrainas, Os Maracos, Monte Alto a 100, Amigos da Xoldra, Malandros e Pantaleón.
As formacións, acompañadas dos seus instrumentos, interpretaron cancións e pezas marcadas polo bo humor, a retranca e temáticas de actualidade, tanto da cidade como do resto do país. Ademais da alcaldesa, formaron o xurado o profesor, historiador e escritor, Xosé Alfeirán; a directora da Escola Municipal de Música, Elena Umbría; o músico da Banda Municipal, Francisco Manuel Vecino; a directora da Asociación Cultural Donaire, Olga Kirk Martínez; o empresario musical, Francisco Gómez ‘Gandy’; e a técnica do IMCE, Ana Canosa, que exerceu como secretaria.
“Este concurso é xa un clásico para comezar a quentar motores para o entroido e o nivel das comparsas cada ano é maior”, sinalou Inés Rey. O xurado, tras deliberar, decidiu darlle o primeiro premio a Os Maracos polas súas cancións ‘O can o can’ e ‘Vaia pachanga!’. O segundo premio foi para Pantaleón, que interpretou ‘La jodienda de la vivienda’ e ‘Viaje con nosotros’; e o terceiro galardón levouno Monte Alto a 100, con ‘Yo no dimito’ e ‘Axuda, Inés’.
“Damos inicio a dez xornadas de máxima actividade festeira na Coruña, nunha das nosas grandes celebracións e que nos posicionan como o mellor entroido das cidades galegas”, sinalou Inés Rey. O concurso, que contou cunha actuación inicial dos Kilomberos de Monte Alto, estivo presentado polo humorista David Amor, nun audiotorio que se encheu de público.