Thursday 21 de November de 2024

Caión acollerá a exposición “El despilfarro alimentario” no 65 aniversario de Manos Unidas


A mostra poderase visitar ata o 10 de marzo.

A ONG Manos Unidas cumpre sesenta e cinco anos de solidariedade na procura de erradicar as causas estruturais que provocan a fame como son a inxustiza e o desigual reparto dos bens e das oportunidades entre as persoas dos diferentes pobos.

Parte fundamental do labor de Manos Unidas baséase na sensibilización, e unha das moitas iniciativas que levan a cabo é a exposición itinerante “El despilfarro alimentario”, composta por paneis informativos centrados en tres temas fundamentais: o malgasto da comida, a escaseza de auga e a muller como motor que move o corazón do mundo.

Dita mostra chegará a próxima semana ao Centro Sociocomunitario de Caión da man do delegado de Manos Unidas na Coruña, Paco Cotelo, a misioneira laica Silvia Heredia -que leva 21 anos traballando en educación con nenos da rúa en Honduras- e de voluntarios da ONG. A inauguración será o luns 5 de febreiro ás 18:30 horas nun acto aberto a todos os públicos. A exposición poderase visitar ata o 10 de marzo en horario de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres.

A organización escolleu Caión para simbolizar o agradecemento de Manos Unidas á colaboración coa ONG da Parroquia de Santa María do Socorro desde hai máis de corenta anos no financiamento de proxectos de desenvolvemento levados a cabo en diferentes países asiáticos e africanos. Dita cooperación iniciouse nos anos ‘70 co párroco D. Francisco Dupert e continuou posteriormente con D. Luis Pastoriza e, na actualidade, con D. Andrés Trinquete.