Saturday 16 de November de 2024

O Concello acollerá en marzo o “Campionato de BTT resistencia Cidade de Narón”


O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego e con Samuel Bustabad e José Luis Fernández, presidente e vogal, respectivamente, do Club Ciclista Narón o “Campionato de BTT resistencia Cidade de Narón”. O edil naronés avanzou que o evento, no que se espera a participación de preto de 300 persoas, terá lugar o vindeiro 3 de marzo na parroquia de Pedroso.

Dende o Club Ciclista Narón agradeceron a colaboración do Concello e da Federación Ciclismo Galego para organizar esta proba deportiva, cuxo gañador se alzará co título do campionato galego. “Os participantes realizarán un percorrido por un tramo de seis quilómetros por Pedroso, cun tempo máximo de tres horas e no que gañará quen dea máis voltas ao circuíto nese tempo”, indicaron. Así mesmo, recordaron o feito de que o pasado ano se disputase en Narón a Copa Galega e este ano o Campionato Galego máis importante na modalidade de resistencia. A proba disputarase en varias categorías, masculinas e femininas.

Pola súa banda, o presidente da Federación Ciclismo Galego agradeceu a “aposta do Concello de Narón por promocionar o ciclismo e do club Ciclismo Narón por organizar este evento, o máis importante do ano”. Muñiz destacou a experiencia do club local na organización desta proba e asegurou que a celebración do campionato galego en Narón é “un premio a todo ese traballo do club e do Concello”, subliñando que esa fin de semana a cidade será “a capital da BTT en Galicia”.

Pola súa banda, o concelleiro de deportes de Narón destacou tamén o traballo do club Ciclista Narón e a aposta da Federación Ciclismo Galego por traer este evento á cidade. “Dende o goberno local continuaremos apostando polo deporte en xeral e traballando da man dos clubs locais, implicados sempre con esta cidade e realizando ao longo do ano un intenso labor para que todas e todos poidamos desfrutar do deporte ao máximo nivel e en diferentes disciplinas, como neste caso é a BTT”.

Dende a organización avanzaron que próximamente se abrirá o prazo de inscrición neste campionato, avanzando que as persoas interesadas en participar terán que anotarse a través da web da Federación Galega de Ciclismo: fgalegaciclismo.es.