Friday 22 de November de 2024

O Concello avanza na reclamación á concesionaria da planta de Nostián polo sobrecusto de xestión dos residuos rexeitados


A Xunta de Goberno Local aprobou unha reclamación á UTE Albada de 15,7 millóns de euros, incluindo os intereses de demora

Tamén aprobou a solicitude de crédito de 22,7 millóns de euros que permitirán o financiamento de parte dos 90 millóns destinados a investimentos dos Orzamentos Municipais 2024

O Concello da Coruña continua dando pasos na reclamación á concesionaria da Planta de Residuos de Nostián, UTE Albada, da cantidade correspondente ao sobrecusto de xestión dos residuos desde 2011. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá fixar a contía da reclamación en 15.683.930,40 euros, incluindo a contía correspondente aos intereses de demora no pagamento.

De acordo coa sentenza emitida no pasado mandato polo Tribunal Superior de Xustiza na que se confirmaba que o custo de tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria, o Goberno de Inés Rey iniciou o pasado mes de novembro o procedemento administrativo para a reclamación da contía, asumida polo Concello.

O Concello aboou un total de 15,7 millóns de euros ata o 2018, sendo 2,8 millóns de euros o importe que debería ter pagado por ese concepto. É dicir, o importe total da relamación á UTE Albada ascende a 12,9 millóns de euros, de acordo coa diferenza entre o importe pagado polo Concello e o que lle correspondería ter pagado segundo a sentenza do TSX.

O Goberno de Inés Rey da hoxe un paso máis no procedecemento de reclamación, engadindo os 2,7 millóns correspondentes aos intereses de demora no pagamento chegando case aos 15,7 millóns de euros, contía abonada polo Concello dende 2011 ata o 2018. Ademais, esta mesma semana o concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, trasladoulle ao Consorcio das Mariñas a proposta técnica e económica para a licitación da nova planta de Nostián, de acordo co obxectivo marcado pola alcaldesa, Inés Rey, para a posta en marcha do contrato no primeiro trimestre de 2024.

Solicitude de crédito para 22,7 millóns de euros en investimentos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a solicitude de crédito de 22,7 millóns de euros para o financiamento de diversos investimentos recollidos nos Orzamentos Municipais 2024, aprobados polo pleno do Concello o pasado 28 de decembro de 2023 e en vigor dende este mesmo 1 de xaneiro.

As contas municipais ascenden este 2024 a 375 millóns de euros, preto de 65 millóns deeuros máis respecto aos anteriores orzamentos. Parte dese incremento débese ao aumento do gasto social así como en investimentos, cuxo anexo supera os 90 millóns de euros previstos para diferentes proxectos na cidade, dos que 18,6 millóns proveñen de recursos propios.

A contía restante complétase con tranferencias de capital ou contribucións especiais doutras administracións. “Destacan os 9 millóns do convenio co MITMA para o financiamento da Estación Intermodal ou os 9,1 millóns de euros de Fondos Europeos Next Generation que nos permitirán financiar 17 proxectos de accesibilidade nos barrios da cidade” sinalou Rey.

A solicitude de crédito aprobada pola Xunta de Goberno Local permitirá avanzar ao Goberno de Inés Rey na posta en marcha de novos proxectos nos barrios, ampliando a capacidade económica do Concello. “A boa xestión deste Goberno local fixo que A Coruña presentara un aforro positivo no anterior exercicio orzamentario, de xeito que segundo a normativa podemos solicitar un crédito a longo prazo para a execución de novos investimentos na cidade”, concluíu Rey.