― Hai 385 parcelas dispoñibles no conxunto de Galicia e no caso de venderse todas, as adxudicatarias beneficiaríanse de descontos estimados en máis de 34,5 M€
― A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará este mes un novo concurso para a adxudicación de 517.808,51 m2 de solo empresarial repartidos entre 252 parcelas pertencentes a 19 polígonos de Xestur
― A oferta de solo para 2024 complétase con 103.657 m2 actualmente en fase de desenvolvemento no polígono das Gándaras, 63.798 m2 xa en comercialización na Sionlla e outros 255.402,67 m2 dispoñibles nos parques propiedade do IGVS
A Xunta de Galicia porá este ano á disposición do tecido empresarial interesado en implantarse na Comunidade case 1 millón de metros cadrados de solo urbanizado en 39 polígonos das catro provincias e con bonificacións sobre o prezo de venda de ata un 50 %. Desta superficie total, a empresa pública Xestur ofertará 517.808,51 metros cadrados a través dun concurso público que se convocará este mes de febreiro e o resto, xa está en fase de comercialización ou sairá ao mercado nos próximos meses.
O Consello coñeceu esta mañá un informe da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre as bonificacións que se ofrecen no prezo de venda das parcelas de solo empresarial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e de Xestur, uns incentivos grazas aos cales se estima que, en caso de venderse a totalidade da superficie dispoñible este ano, os adxudicatarios se beneficiarían de descontos por un importe superior aos 34,5 millóns de euros.
Deste xeito, as empresas asentadas xa en Galicia ou aquelas interesadas en desenvolver novos proxectos industriais nos polígonos da Xunta poderán acceder a 940.666 m2 de solo urbanizado repartidos entre un total de 385 parcelas e coa posibilidade de solicitar unha bonificación equivalente ao 50 % do importe de venda dos terreos (no caso dos parques das provincias de Lugo e Ourense e nos situados na Costa da Morte, Ferrolterra e na fronteira con Portugal) ou ao 30 % (no resto de polígonos).
Máis concretamente, o Consello de Administración de Xestur acordou esta mesma semana que antes de que remate febreiro convocará un concurso público para a adxudicación dun total de 517.808,51 m2 de solo empresarial repartidos entre 252 parcelas pertencentes a 19 polígonos.
A esta superficie hai que engadir a previsión de que, ao longo de 2024, Xestur saque un segundo concurso para comercializar outros 103.657 metros cadrados nas fases IV e V o polígono lucense das Gándaras, terreos que se atopan actualmente en urbanización.
Así mesmo, a empresa pública ten a día de hoxe en comercialización outras 7 parcelas no parque compostelán da Sionlla, terreos reservados exclusivamente para empresas do sector biotecnolóxico (Polo Biotech) que se adxudicarán de forma directa a través da declaración de proxectos empresariais singulares, polo que non se inclúen no concurso.
Ademais, o solo industrial da Xunta que estará dispoñible en Galicia ao longo deste ano complétase tamén coa superficie urbanizada existente nos polígonos propiedade do IGVS, que ten previsto convocar antes de que remate 2024 o seu propio concurso público. En concreto, porá á disposición do tecido empresarial un total de 255.402,67 metros cadrados repartidos entre 90 parcelas localizadas en 18 parques.
Cómpre indicar que as maiores bolsas de solo que Xestur porá no mercado este mes localízanse nos parques de Morás, en Arteixo, con 84 parcelas e unha superficie total de 132.830 m2; en Xinzo de Limia, no que se ofertarán 112.000 m2; e no polígono da Reigosa, no concello de Ponte Caldelas, con 10 parcelas que abranguen 85.820 m2.
En canto aos polígonos xestionados polo IGVS, hai que subliñar as tres parcelas das Somozas (A Coruña), cunha superficie global de 50.000 metros cadrados, ou as 22 de Monterroso, cunha extensión de algo máis de 39.000 metros cadrados.
En todo caso, cómpre lembrar que a adquisición non é a única forma que teñen as empresas para acceder ao solo industrial da Xunta senón que existen outras tres modalidades: adxudicación en dereito de superficie a cambio do pagamento dun canon reducido (que oscila entre os 0,45 euros por m2 e ano e os 2,89 euros por m2 e ano); compravenda con pagamento aprazado ata en 8 anos; ou arrendamento, opción reservada só para os parques de Cedeira, Ortigueira, Vilamarín, Silleda e Arbo.
Por último, e á marxe do solo urbanizado que o IGVS e Xestur porán á disposición das empresas este ano, cómpre lembrar que a Xunta tamén é un dos promotores da Plataforma loxístico empresarial de Salvaterra-As Neves (Plisan), xunto coa Autoridade Portuaria de Vigo e Zona Franca. Nestes momentos a gran área industrial do sur de Galicia ten 31 parcelas dispoñibles para a súa posible adxudicación polo sistema de poxa pero actualmente aínda non están en comercialización.