Thursday 21 de November de 2024

A gandería galega mantén un estatus sanitario privilexiado e de referencia no conxunto de España


A Consellería do Medio Rural coordina a planificación e execución dun total de 21 programas oficiais de inspección e control nesta materia, que garanten unha rigorosa supervisión da cabana gandeira galega

Galicia mantén un estatus sanitario de referencia en España, no que se refire á sanidade animal. A Consellería do Medio Rural coordina a planificación e execución dun total de 21 programas oficiais de inspección e control nesta materia, que garanten unha rigorosa supervisión da cabana gandeira galega.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez fai prevención, de xeito sistemático, de máis de 30 diferentes enfermidades das diferentes especies da cabana gandeira galega. Con carácter anual, revísanse máis de 40.000 explotacións e preto de 900.000 animais.

Neste contexto, salientan –polo volume de gando revisado– os traballos de control de doenzas como a tuberculose e a brucelose bovina. Así, no primeiro caso mantense o descenso de prevalencia de anos anteriores, agardándose unha evolución progresiva de cara á obtención do estatus de rexión libre fronte á enfermidade. No que atinxe á brucelose bovina, no último ano con datos pechados (2014) non existiron explotacións positivas a esta doenza, sendo o quinto exercicio consecutivo no que se dá esta circunstancia. Polo tanto, Galicia continúa no cómputo de prazos cara a declaración de rexión oficialmente indemne da enfermidade.

No que se refire ás doenzas doutras especies animais, compre destacar por exemplo que Galicia mantén o seu estatus de rexión libre de brucelose ovina e cabrúa, que acadou no ano 2013. Ademais, a Consellería realiza controis sistemáticos de doenzas noutras especies, caso das aves, os porcos ou os coellos.

En canto ao movemento do gando, no ano 2014 leváronse a cabo preto de 5.000 inspeccións no marco do Plan autonómico de control do movemento pecuario. A finalidade desta programación é a de reforzar as garantías en materia de sanidade animal e seguridade alimentaria na produción primaria. Este plan cubre tanto o transporte como as feiras e aqueles elementos directamente relacionados coa aplicación da normativa nesta materia.