Saturday 16 de November de 2024

Aberta ao público a exposición ‘Xeometrías’ de Josecho González na Casa Museo Casares Quiroga


Gonzalo Castro: “Entendemos A Coruña como o mellor escaparate para grandes artistas internacionais pero tamén como a mellor promoción do noso talento máis local coma o de Josecho”

A mostra, con entrada de balde, estará aberta ate o vindeiro 3 de marzo

O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interviu esta tarde na apertura da exposición ‘Xeometrías’ do artista carballés Josecho González. A mostra compila preto de 20 obras nas que o pintor xoga coas cores e as formas xeométricas como método de expresión.

O concelleiro destacou a traxectoria de Josecho González pola súa formación autodidacta e espírito artístico vangardista. “Josecho conxuga xeometría e vangarda para dar paso á abstracción, atopando unha forma de expresión única e diferente que caracteriza toda a súa obra”, sinalou. A través de formas definidas pola composición minimalista e harmoniosa, cada unha das súas composicións exprésase como unha obra en si mesma e non como unha representación dun concepto externo. A aposta pola cor e o fondo como protagonistas absolutas da pintura deixa que sexa a propia arte a que fale e non o espectador.

Josecho González participou en máis de 30 exposicións, nove delas individuais das que a maioría foron na propia cidade da Coruña. Destaca a súa contribución nas exposicións portuguesas da XXIII edición Góisdoroso Arte 2019 en Góis, na mostra de arte contemporánea ‘Art in lima 2021’ en Ponte da Lima; e na Galería ‘Days Are’ de Porto.

Castro explicou que a programación desta exposición na Casa Museo Casares abre a rede de recintos culturais da cidade aos talentos máis próximos: “Entendemos A Coruña como o mellor escaparate para grandes artistas internacionais pero tamén como a mellor promoción do noso talento máis local coma o de Josecho”. A mostra, que estará aberta ate o vindeiro 3 de marzo, súmase ás actividades impulsadas polo Goberno de Inés Rey para a dinamización das Casa Museo da cidade facendo máis accesible a cultura aos coruñeses.