— A exposición de carácter virtual e inmersivo permite coñecer por primeira vez a decoración do pavillón de caza do rei Felipe IV, en Madrid, tomando como punto de partida dúas táboas realizadas por Rubens e conservadas no propio museo coruñés
— O proxecto reconstrúe virtualmente a arquitectura e a hipotética distribución das obras, o que permite gozar dunha experiencia similar á vivida polo monarca
— Estará dispoñible ata decembro e poderase interactuar con lenzos do propio Rubens, Velázquez ou outros pintores flamencos que se conservan en museos como o Prado, a National Gallery de Londres ou o The Arte Institute de Chicago
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña na presentación de A Torre de la Parada. Un espazo pictórico para Rubens, unha mostra de carácter virtual e inmersivo que ofrece un percorrido dixital por unha das mellores coleccións de pinturas do século XVII, que estivo situada no pavillón de caza do rei Felipe IV, nos arredores de Madrid.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, trátase dun “innovador proxecto” que permite coñecer a decoración desta edificación tomando como punto de partida dúas táboas realizadas polo propio Rubens e que se conservan no museo coruñés. “Grazas a un gran traballo de investigación feito en colaboración coa Universidade da Coruña, púidose reconstruír de xeito virtual a arquitectura e a hipotética distribución das obras que formaron parte do programa decorativo ideado por Rubens”, subliñou Anxo M. Lorenzo.
Neste senso, avanzou que grazas a este “exhaustivo traballo de documentación, análise e interpretación” os visitantes do Museo de Belas Artes poderán gozar ata o mes de decembro dunha experiencia o máis parecida posible “á vivida polo propio Felipe IV mentres habitaba o seu singular pavillón e contemplaba a impresionante colección de arte que o decoraba”.
Esta é a primeira reconstrución visual feita deste interesante edificio e dos seus importantes contidos artísticos que foron creados por destacados autores como o propio Rubens e outros pintores flamencos, así como Velázquez, e que hoxe en día se poden contemplar en museos e institucións como o Prado e o Museo de Historia de Madrid, a National Gallery de Londres, o The Arte Institute de Chicago, o Staaliche Museum Zu de Berlín ou na colección Sir Edmund Bacon Art, entre outros.
Nela, grazas ao uso de técnicas de reposición fotogramétrica, modelado CAD 3D e a programación de videoxogos, o visitante poderá realizar un percorrido inmersivo polos seus espazos e interactuar con lenzos de forma natural, sen máis dispositivos que o propio corpo, cuxos movementos serán monitorizados por unha cámara de profundidade.