Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca a importancia que ten La Vuelta para reforzar a proxección internacional de Galicia


Subliñou que poderemos ver “algúns dos mellores ciclistas do mundo percorrendo unha das terras máis acolledoras do mundo”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a importancia que ten a competición ciclista para a proxección de Galicia a nivel internacional, a través da emisión das etapas por televisión. Os seareiros poderán atopar nas súas pantallas “algúns dos mellores ciclistas do mundo percorrendo unha das terras máis acolledoras do mundo”, destacou Feijóo, para quen a beleza do patrimonio material e paisaxístico da nosa terra fará da carreira o reclamo perfecto para atraer novos visitantes

O presidente dixo tamén que a marca Galicia e La Vuelta Ciclista a España “son marcas que xa camiñan xuntas e van seguir camiñando xuntas nos próximos anos”. O mandatario autonómico asistiu esta mañá á presentación do percorrido deste ano, que sairá da provincia de Ourense e contará con cinco etapas que transcorrerán integramente por territorio galego.

Entre os beneficios económicos directos que se derivan da saída e do paso de La Vuelta por Galicia, Feijóo destacou as máis de 90.000 prazas hoteleiras que ocuparán os membros da organización durante os días previos á carreira, ás que hai que unir as numerosas pernoitas dos afeccionados que acudan a vela in situ, máis de dous millóns na edición do ano pasado.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén quixo lembrar as figuras dos grandes corredores galegos, como Álvaro Pino e Óscar Pereiro, de cuxas vitorias en La Vuelta e no Tour se cumpren trinta e dez anos, respectivamente. A través delas, reivindicou os progresos que Galicia e o deporte galego experimentaron durante as últimas décadas, ata acadar fazañas que resultaban impensables.

Unha saída inédita
Nese sentido, o mandatario galego quixo ligar os éxitos deportivos do ciclismo galego cos seus éxitos organizativos, representados polo inicio “imposible” da edición de 2013 desde unha batea e o emotivo final da edición de 2014 na praza do Obradoiro de Santiago.

Por último, o presidente quixo poñer en valor a saída deste ano, que volverá fascinar cun arranque inédito desde un balneario, promovendo os atractivos turísticos do interior de Galicia e a provincia de Ourense como destino termal. “Galicia é algo máis que costa; Galicia é tamén a Galicia do interior, as entrañas de Galicia, de onde saímos a maior parte de galegos”, concluíu.