Thursday 21 de November de 2024

A Oficina Acelera Pyme Rural da Deputación da Coruña e o Concello de Brión organizan un obradoiro para empresarios brioneses


A Aula Cemit do Concello de Brión acolleu a xornada gratuíta “A transformación dixital da empresa dende a perspectiva do cliente”, organizada pola Oficina Acelera Pyme Rural da Deputación da Coruña e o Concello de Brión. “Un obradoiro dixital no que exploramos como as estratexias dixitais impactan na experiencia do cliente e a adaptación das empresas ás demandas dixitais, destacando o trato persoal e a innovación para satisfacer as expectativas do cliente na era dixital”, apunta a docente Judit Cabana.

Así, as persoas asistentes coñeceron que o 40% das compras que se fan en España se realizan de maneira online, así como outros datos como que o 64% dos compradores de Amazon só mercan nesa plataforma. Así mesmo, achegáronse aos condicionantes que a lexislación, a ciberseguridade ou a loxística poñen á hora de desenvolver esta actividade. Fronte a iso, contrapuxeron algunhas das vantaxes e oportunidades da venda online como a personalización do cliente, a axilidade nas vendas, a segmentación do mercado e mesmo o posicionamento da empresa dentro do seu sector.

Finalmente, Judit Cabana puxo exemplos dos distintos modelos de negocio online e canais de venda tales como ecommerce, marketplace, dropshipping… Unha xornada que rematou cun intercambio de experiencia entre todas as persoas asistentes.