Saturday 16 de November de 2024

O Concello dá luz verde á regularización do polígono de Pocomaco, o que permitirá executar investimentos públicos para a súa mellora


O acordo coa directiva da Comunidade ratificado hoxe pola Corporación municipal, permitirá rematar coa situación anómala dos viarios do polígono desde a súa construción

O voceiro do Goberno, José Manuel Lage, expuso no pleno que o Concello ten regularizado máis do 92% das 245 prestacións sen contrato rexistradas no 2019

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, avanzou que o selado de Nostián progresa co anoiramento xa completo do vaso 3, cuberto nun 95% da súa superficie

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria do Pleno municipal, na que o Concello aprobou, de forma inicial, o convenio necesario para acometer a regularización do viario, instalacións e servizos do polígono de Pocomaco.

Tal e como lembrou hoxe o concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, “esta iniciativa ten como obxectivo solventar unha situación anómala existente en Pocomaco dende hai máis de 50 anos”. Cómpre lembrar, a este respecto, que a construción do polígono —de titularidade privada— comezou a inicios dos anos setenta, ao abeiro do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado no 1966.

Porén, desde entón non se concretara o procedemento legal de cesión de espazos viarios, áreas verdes e espazos públicos contemplados na normativa para todo desenvolvemento de polígonos de promoción privada. Isto supuxo, na práctica, que o mantemento dos mesmos corría a cargo dos propietarios e tampouco era posible establecer servizos públicos e realizar investimentos nuns espazos de titularidade particular. “A causa desta anomalía, os propietarios do polígono de Pocomaco están sendo privados da prestación de servizos públicos e investimentos dos que si se benefician outros polígonos da cidade. Isto é así porque, obviamente, o Concello non pode asumir mantementos ou servizos en espazos de titularidade privada”, subliñou o voceiro do Goberno municipal.

Desta forma, e tras diversas reunións mantidas o pasado mandato a instancias da alcaldesa, “neste mes de xaneiro chegamos a un acordo coa directiva da Comunidade de Propietarios de Pocomaco —agregou Lage— co que formulamos regularizar a situación do polígono e que a Comunidade ceda ao Concello as súas vías, unha proposta que consideramos necesaria para mellorar a calidade urbana do polígono, algo que será posible con investimentos públicos de cara aos vindeiros anos”.

Lage destacou, ademais, “a vontade de diálogo e de chegar a acordos” amosada pola xunta reitora do polígono de Pocomaco, “que amosou desde o primeiro momento unha absoluta disposición a normalizar a situación”.

O convenio: das melloras urbanísticas á axilización dos trámites de licenzas

En termos prácticos, o convenio —que deberá recibir a súa aprobación final por parte da asamblea da Comunidade de Propietarios de Pocomaco— implica a integración definitiva no dominio público municipal das vías, zonas verdes, redes de servizos e elementos accesorios.

É dicir, o Concello pasará a asumir o mantemento e mellora dos espazos viarios e públicos do polígono. Son, en total, suman 88.711 metros cadrados de vías, aos que se engaden 2.002 metros cadrados de camiños de servizo e 43.008 metros de zonas de servizos para o paso de canalizacións.

A este respecto, o Concello asumirá a rehabilitación e remodelación de pavimentos, así como a modernización, saneamento e instalación de novo mobiliario urbano, unha intervención a executar nun prazo de catro anos. Ademais, tamén se encargará da limpeza viaria e a recollida de lixo.

Esta folla de ruta incluiría, a maiores, melloras no referente á mobilidade no transporte público no polígono. O plan do Concello establece, a futuro, a instalación en Pocomaco dunha nova base do servizo municipal BiciCoruña, dando continuidade á expansión do mesmo en todos os barrios da cidade.

Outro dos aspectos destacados do texto será o impulso da tramitación das licenzas urbanísticas e de vaos, “unha cuestión fundamental para avanzar na modernización e impulso de Pocomaco, un dos principais eixes económicos da cidade”, expuxo Lage.

Por outra banda, o acordo implica que os propietarios serán os encargados de executar os itinerarios peonís, acordes á normativa vixente, e mellorar a iluminación do polígono, para a súa posterior entrega ao Concello. Estas intervencións, de competencia exclusiva da Comunidade, terán un prazo de execución de 39 meses desde a súa posta en marcha.

O texto do convenio que se levou este xoves ao Pleno da Corporación municipal foi consensuado polo Goberno de Inés Rey coa xunta reitora da Comunidade de Propietarios de Pocomaco ao longo de diversas reunións.
“Tras medio século, coido que a alcaldesa, Inés Rey, está a ofrecer a primeira solución para Pocomaco, algo que ninguén fixera antes. E tamén está a sentar as bases para que dentro doutros 50 anos o polígono siga a ser un dos motores económicos da Coruña e de Galicia”, apuntou Lage.

Unha vez aprobado o informe proposta en Xunta de Goberno Local e, xa hoxe, no Pleno municipal, o seguinte paso será a avaliación deste convenio por parte da Comunidade de Propietarios de Pocomaco, que terá un prazo de tres meses para asinar o texto, unha vez que se leve á asemblea para a súa conseguinte ratificación.

Melloras na contratación

Ademais, no pleno de hoxe, o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, expuso tamén as principais cifras en materia de contratación de servizos. A finais do ano 2019, indicou Lage, o Concello tiña un total de 245 prestacións que se estaban a prestar sen o preceptivo contrato. A día de hoxe, indicou Lage, a cifra de prestacións sen contrato redúcese a 19, quedando regularizados o 92,3% dos contratos. A vontade, explicou o voceiro, é seguir na mesma liña co obxectivo de regularizar, na medida do posible, a totalidade das prestacións.

Selado de Nostián

Por outra banda, durante a súa intervención no pleno, a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, explicou os avances nas obras que se están a realizar nos vasos do vertedoiro de Nostián. No vaso número 3, indicou a concelleira, completáronse xa as obras de anoiramento e cubriuse no 95% da súa superficie cunha capa de terra de 30 centímetros. O vaso número 2 explicou, atópase nestes momentos en obras de anoiramento, executadas xa nun 30%. A previsión, dixo, é que nun prazo de sete meses, se a meteoroloxía o permite, se completen as obras de selado de Nostián.