Friday 22 de November de 2024

As curtas da oitava edición do Chanfaina Lab estrearanse o próximo 24 de febreiro


San Sadurniño exhibirá máis dunha trintena de pezas filmadas no seu territorio o pasado mes de setembro

Os equipos que estiveron filmando por todo San Sadurniño a principios do pasado mes de setembro ultiman nestes días as versións finais das curtametraxes que fixeron dentro do encontro audiovisual Chanfaina Lab. O resultado do seu traballo e do seu xeito de mirar o noso territorio poderemos velo o sábado 24 de febreiro a partir das 17:30h na Casa da Cultura nunha gala conducida pola actriz Isabel Risco. A oitava edición do Chanfaina dará de si máis dunha trintena de pezas nas que se implicaron preto de medio cento de cineastas locais e doutras partes de Galicia e do Estado, quen nos ofrecerán distintas interpretacións de San Sadurniño, todas elas sorprendentes.

O listado de participantes compóñeno Ángela Arnosa, Bieito Beceiro, Fran Bermúdez, Laura Boo, Félix Brisel, Aroa Calvo, Francisco Javier Cela, Candela Conde, Noa Cortizas, Noa Couso, Javier Espiñeira, Rubén Ferreiro, Nela Fraga, Juan Galiñanes, Manolo Gómez, Diana Gonçalvez, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Tono Mejuto, o colectivo Naraío Media, Mirian Opazo, Coral Piñeiro, Victor Rico, Catalina Rodríguez, Xoan Rodriguez Caridad, Miguel A. Romero, o grupo Sansadurnenas, Cristina Souto, o trío The sun Girls, as avoas de Teño unha horta, Lucas Vázquez, Abel Vega, Ignacio Vilar e Soraya Yáñez.

O programa comezará coas habituais presentacións e a entrega das Lolas Chanfaineiras -o noso agasallo autóctono para todas as persoas participantes- para, deseguido, comezar a maratón de curtametraxes, que seguramente supere amplamente as tres horas de proxección, cun breve intermedio.

A entrada na estrea das curtas do Chanfaina Lab é gratuíta e non se require reserva previa, aínda que as portas se pecharán cando se complete o aforo da Casa da Cultura. Quen non poida asistir debe saber que a partir da semana seguinte, como é tradición no encontro, irá estreándose unha curta cada venres na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño, xunto cunha breve sinopse e unha reseña biográfica e artística da súa autora ou autor.

As proxeccións do Chanfaina Lab suporán, ademais, o arranque da edición 2024 dun encontro audiovisual que conta co patrocinio da Deputación da Coruña.