A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, visitou hoxe o curso de “Iniciación ao fiado” que vén de comezar en Ourense
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a colaborar coa Asociación de Artesáns de Ourense organizando o proxecto formativo Entrelazados, que ten por obxectivo impulsar a formación e a colaboración entre os distintos profesionais do sector artesanal galego de cara a mellorar a súa competitividade.
Neste sentido, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o curso Iniciación ao fiado, que vén de poñerse en marcha en Ourense no marco dunha iniciativa coa que a Xunta aspira a promover o talento do sector artesanal galego e consolidar a súa competitividade, para o que ten posto en marcha o Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016.
O proxecto Entrelazados inclúe tres actividades formativas que se están a celebrar en Ourense. O mes pasado comezou a iniciativa co Curso de Tear Circular, impartido por María Dolores García Romanelli. Este é un dos denominados teares modernos que permite non só realizar tecidos circulares, senón tamén tecer por sección, dobrar urdimes, realizar figuras xeométricas e volumes.
A artesana especializada no téxtil, María Dolores García Romaneli, imparte hoxe o curso de Iniciación ao Fiado, no que se realizarán diferentes exercicios prácticos. Entre outras actividades, desenvolveranse actuacións encamiñadas ao correcto emprego do fuso e a manipulación das fibras, ao tempo que se estudarán diversas técnicas de enfiado e darase a coñecer aos alumnos a teoría sobre xiros e o equilibrio.
E o vindeiro 30 e 31 de xaneiro, a artesá María Dolores Rodríguez Estévez impartirá un curso de Iniciación á cestería. Empregando médula de ratán e madeira, os participantes coñecerán da man da artesá docente, diversas técnicas de tecido dos materiais e as principais técnicas de remate das pezas de cestería.
Para dar visualización aos proxectos de formación realizados, organizarase a exposición Entrelazados. As pezas elaboradas polos alumnos dos tres cursos deste proxecto expoñeranse ao público que desexe achegarse ao local de ADAO, situado na rúa Colón 24 da capital ourensá.
A formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016.