Denuncia a falta de transparencia por parte do goberno local ao non facilitar a información sobre o contido da xuntanza coa Xunta e pídelle, a ambas administracións, “seriedade”
“É un tema suficientemente importante como para empregalo como ferramenta de campaña” afirma.
Logo da reunión mantida entre Xunta e goberno local este martes, sobre o problema do aparcadoiro e a mobilidade no CHUS, o grupo socialista vén de reclamar transparencia ao bipartito para coñecer o detalle do tratado no encontro: “é unha mágoa que de novo a alcaldesa opte pola soberbia e a falta de transparencia” denuncia o seu portavoz.
Gonzalo Muíños remitiulle á alcaldesa un escrito solicitando o borrador do convenio proposto pola Xunta para abordar esta cuestión e a convocatoria dunha xunta de portavoces de forma urxente co obxectivo de coñecer o detalle da reunión. “Queremos estudar a proposta” explica Muíños, aínda que se amosa sorprendido polo xiro da Xunta de Galicia: “de primeiras, o que non parece de recibo é que se cambien as cartas na metade do xogo por parte da Xunta”.
Critica que agora a administración autonómica presente, como contrapartida, a posibilidade de investir na rede de saneamento “non coñecemos o detalle, pero moito nos tememos, que este trilerismo está motivado pola proximidade das eleccións autonómicas” asegura o portavoz dos socialistas.
Gonzalo Muíños que lle pide a ambas administracións “transparencia e seriedade” porque, defende, “este é un tema suficientemente importante como para empregalo como ferramenta de campaña”.