Friday 22 de November de 2024

Cultura e Educación suma 1.000 prazas máis, ata acadar as 9.850, para favorecer a acreditación de competencias profesionais


A convocatoria deste 2016, a sexta consecutiva que realiza esta Consellería, incorpora 22 novas unidades de competencia e dous ciclos novidosos, o ciclo medio de Estética e beleza e o de Electromecánica de maquinaria

Por sexto ano consecutivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar un novo proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da súa experiencia laboral, ou ben a partir de formación non formal. Na convocatoria deste 2016 increméntase o número de prazas ata acadar as 9.850, 1.010 máis que o ano pasado. Esta suba reafirma a evolución ascendente desde que se puxo en marcha este procedemento, posto que en 2011 ofertáronse 3.200 e hoxe contabilízanse máis de 49.000 prazas en total.

Entre as novidades que presenta esta convocatoria destaca a ampliación de unidades de competencia, 22 máis dun total de 209, así como a incorporación de dous ciclos novos, o ciclo medio de Estética e beleza e o medio de Electromecánica de maquinaria. En total, as familias profesionais nas que se convoca o proceso son 15: administración e xestión, agraria, electricidade e electrónica, edificación e obra civil, fabricación mecánica, hostalería e turismo, imaxe persoal, industrias alimentarias, informática e comunicacións, instalación e mantemento, madeira e moble, química, sanidade, servizos socioculturais e á comunidade, e transporte e mantemento de vehículos.

Ao igual que noutras ocasións, o proceso desenvolverase nos próximos meses nos centros integrados de formación profesional. En todo caso, os detalles da convocatoria, á que se poderán presentar solicitudes desde o próximo día 11 de xaneiro ata o 5 de febreiro (ambos incluídos), poden consultarse no seguinte enlace do Diario Oficial de Galicia http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160108/AnuncioG0164-281215-0002_gl.html.

Case o 90% das persoas acadan a segunda fase
As persoas admitidas neste proceso que lles permitirá acreditar as súas experiencias profesionais deberán pasar tres fases: o asesoramento, a avaliación da competencia profesional e a acreditación e rexistro da dita competencia. Cómpre destacar que, na anterior convocatoria, o 88,6% das persoas admitidas chegaron á fase de avaliación. Delas, o 82% obtiveron acreditación nalgunha unidade de competencia.

Neste sentido, o obxecto desta iniciativa é que os traballadores e traballadoras sen unha formación regulada poidan acceder e contar cunha certificación oficial, permitíndolles así mellorar o seu currículo e promover a súa mobilidade dentro do mercado laboral.