Friday 22 de November de 2024

A I Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia visibilizará o traballo das investigadoras carballesas para crear referentes femininos


Currunchos científicos, experimentos, xogos, teatro, literatura, robótica e moito máis nunha xornada á medida da rapazada

Ademais do tradicional concurso de disfraces de Entroido e da aínda máis tradicional feira dominical, o 11 de febreiro celebraremos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. E, como establece a resolución aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 22 de decembro de 2015, recoñeceremos os logros das mulleres na ciencia, promoveremos as perspectivas de carreira das mulleres na ciencia e alentaremos unha maior participación das mulleres e das nenas.

Con eses obxectivos, as concellarías de Innovación e Igualdade unen forzas na I Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, na que queremos visibilizar o traballo das investigadoras carballesas para crear referentes femininos próximos para a infancia e, nomeadamente, para as nenas. Unha iniciativa na que, ademais, contamos coa colaboración do IES Alfredo Brañas, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Academia Joven de España.

O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a concelleira de Igualdade, Maica Ures, presentaron o programa acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e por dúas das investigadoras que participarán na iniciativa: Verónica Bolón, enxeñeira informática experta en intelixencia artificial, e Isabel Regueiro, profesora de física e química no IES Alfredo Brañas, onde se celebra cada ano a Feira das Ciencias (nesta ocasión será os días 27 e 28 de febreiro).

“A muller está infravalorada no mundo científico”, apuntou Iván Andrade, e desde Carballo queremos poñer o noso gran de area para que deixe de ser así. Por iso, este ano sumámonos á Iniciativa 11 de febrero, un movemento cidadán que está en marcha desde o ano 2016 en España coa finalidade de visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM e coñecer os factores que afectan á situación da muller nesas áreas e fomentar prácticas que conduzan á súa eliminación para acadar a igualdade de xénero no ámbito científico.

Nese sentido, Maica Ures ofreceu algunhas cifras: as mulleres representan máis do 70% nas carreiras de ciencias sociais, pero só 14% en informática ou o 7% en enxeñería. Por iso “temos que darlles pulo ás mulleres na ciencia” e crear referentes para as nenas carballesas, que o día 11 poderán comprobar que “as mulleres científicas existen e son de aquí”.
A I Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia reunirá na planta alta do mercado municipal a Isabel Regueiro e as súas alumnas Laura Varela Cambón, Shana Añón Lías, Valeria Rodríguez Colferai, Carla Padín Regueira, Lucía García Vilariño, Andrea Goimil Liñares, Alba Bértoa Lema e Claudia Pallas Marrozos, e ás investigadoras carballesas María Gómez e María Fernández (bioloxía), Xanel Vecino (enxeñería química) e Verónica Bolón (enxeñería informática), que foi unha das participantes na presentación.

«Creo na necesidade da divulgación científica. Non serve de nada ter avances no laboratorio se a sociedade non os entende», manifestou. Por iso, cada ano, arredor do 11F, participa en iniciativas de divulgación científica, pero está especialmente orgullosa de poder facelo nesta ocasión en Carballo, “de onde son e onde vivo”. E non será a súa única colaboración, porque tamén forma parte do equipo organizador do primeiro festival Pint of Science, que se celebrará do 13 ao 15 de maio en vinte países de todo o mundo e en máis de sesenta concellos do estado, un deles o noso.
Verónica Bolón amosou o seu desexo de que Carballo sexa o berce “dunha futura xeración de científicos e, sobre todo, de científicas”, e nesa mesma liña o alcalde expresou a necesidade de romper “ese teito de cristal”.