Friday 22 de November de 2024

Obras en Sol y Mar: o xoves 1 e venres 2 de febreiro procederase a pavimentar as vías de servizo e da nova glorieta


O Ministerio de Transportes comunica ao Concello de Oleiros, en relación coa execución das obras de Sol y Mar, que entre o xoves e o venres desta semana, debido ao avance das obras en superficie para a construción da nova rotonda, procederase á pavimentación con aglomerado asfáltico das vías de servizo e da nova glorieta.

Estes traballos implicarán unha importante afección ao tráfico para os veciños e veciñas da contorna, en especial para os residentes no bordo da Avda. das Mariñas, na zona de obras, e para os residentes nas urbanizacións de Agramar e Beiramar, que non poderán acceder nin saír dos seus garaxes durante o tempo que duren os traballos de aglomerado.

A planificación das obras, segundo indica o Ministerio, será a seguinte:

O xoves, día 1, executaranse as seguinte fases:

– Fase 1: extensión da capa de base da glorieta. Executarase durante a primeira metade da mañá do xoves desde as 9:30h e, ao estar implicada a glorieta, afectará a garaxes e comercios de ambas as marxes. Sempre que sexa posible, se se acumulan vehículos, tentarase dar paso puntual pola glorieta.

– Fase 2: extensión da capa intermedia na vía de servizo dos números pares da Avda. das Mariñas e na metade da glorieta ao lado terra. Afectarase unicamente aos garaxes e comercios dos números pares da Avda. das Mariñas. Finalizarase durante a tarde do xoves.

O venres, día 2, executarase a Fase 3 consistente na extensión da capa intermedia na vía de servizo dos números impares da Avda. das Mariñas (lado Agramar e Beiramar) e na metade da glorieta deste mesmo lado. Tentarase finalizar ao longo da mañá. Afectarase aos garaxes e comercios dos números impares da Avda. das Mariñas, así como as seguintes vías: Rúa Marisqueira, Praza de Agramar, Rúa Areal (lado Ría), Rúa Beiramar e Rúa dos Álamos. En todo caso, se se acumulan vehículos procedentes de Marisqueira, Agramar e Areal Sur tentarase dar paso puntual pola glorieta.