Friday 22 de November de 2024

A Xunta repartiu preto de 5.000 composteiros entre distintos sectores de poboación


Co programa de compostaxe doméstica preténdese promover que as vivendas unifamiliares que dispoñan de horta e/ou xardín, consigan pechar o ciclo de reciclaxe da materia orgánica en orixe, evitando o seu depósito nos contedores verdes convencionais

Desde o inicio do seu programa de compostaxe doméstica, a Xunta de Galicia- a través de Sogama- repartiu preto de 5.000 compostadores entre distintos sectores de poboación, co obxectivo de promover a elaboración dun abono natural co que substituír aos fertilizantes artificiais, por parte das vivendas unifamiliares que contan con horta e/ou xardín.

A día de hoxe, o programa de autocompostaxe de Sogama conta cun total de 164 entidades adscritas. Destas, 103 son concellos das catro provincias galegas, 52 son centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, así como universidades, e 9 son colectivos sociais, entre os que se atopan asociacións culturais e veciñais, de loita contra a drogadicción, de integración de persoas con discapacidade e ata centros penitenciarios, como é o caso de Monterroso (Lugo), que viu no medio ambiente en xeral, e na autocompostaxe en particular, unha fórmula coa que contribuír á inserción social dos reclusos, tendo en conta de que o seu interese pola protección da contorna redundará nunha maior sensibilidade cara a todo o que lles rodea, mellorando o seu comportamento.

O penal ten operativos varios composteiros cedidos por Sogama nos que vén introducindo restos de podas e residuos orgánicos procedentes dos comedores, e a partir dos cales obtén compost, un abono de natural que logo utilizan nas súas hortas ecolóxicas, nos que xa colleitan froitas, verduras e legumes.

Todas as persoas particpantes neste programa de compostaxe reciben adicionalmente a cargo de educadores ao servizo de Sogama, unha serie de coñecementos, a través dos cales se lles explica a problemática que a día de hoxe representan os residuos, as formas de facerlle fronte e os xestos a despregar para camiñar cara a unha xestión máis sostible dos mesmos, promovendo a súa redución, pero tamén a súa reutilización e reciclado a través da separación de desperdicios en orixe e o seu posterior depósito nos contedores axeitados.

Protocolo
Para a implantación do programa de autocompostaxe de Sogama por parte dos colectivos destinatarios, estes deben cinguirse a un protocolo de actuación deseñado pola empresa pública a fin de garantir o correcto desenvolvemento do mesmo.

No caso dos municipios, e unha vez divulgada a iniciativa a través de carteis promocionais, que se apoian con bandos e outras comunicacións realizadas polos equipos de goberno local, son os propios concellos os que se encargan de seleccionar as vivendas participantes, cuxos titulares reciben un curso específico de formación a cargo de técnicos de Sogama, xornada que é aproveitada para repartir os composteiros designados. Tamén se dota aos participantes, e a modo de reforzo, con manuais específicos nos que se explica, dunha forma sinxela e accesible, o proceso técnico a seguir, clarificando as dúbidas máis frecuentes e os erros máis comúns.

Dada a falta de experiencia que os concellos teñen nesta cuestión, a entidade pública tamén lles proporciona o asesoramento externo necesario para garantir a axeitada execución da experiencia, minimizando con isto o número de incidencias.

O seguimento do programa recae no propio persoal dependente dos entes locais, que se encargará de visitar casa por casa para comprobar o traballo desenvolvido, técnica aplicada e dar resposta ás posibles preguntas suscitadas polos usuarios

Beneficios
Os beneficios da autocompostaxe son hoxe incuestionables. Desde a dimensión ambiental, cabería destacar que, ao posibilitar a reciclaxe da materia orgánica en orixe, redúcese a frecuencia de recollida e transporte do lixo, circunstancia que contribúe a minimizar as emisións de CO2; desde a económica, porque ao diminuír as cantidades de residuos depositados nos contedores verdes convencionais, minórase o importe da factura a pagar á Sociedade pública; e desde a social, porque se recupera unha práctica tradicional en Galicia como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, só que, no caso de Sogama, faise dunha forma máis cómoda, hixiénica e innovadora para os fogares, coa particularidade de que se posibilita a redución dos desprazamentos que o cidadán debe realizar aos contedores de recollida selectiva, polo xeral distanciados das vivendas debido á alta dispersión da poboación.

Resultados
A boa dispoñibilidade da veciñanza e o bo traballo dos concellos fixeron posible que o programa de compostaxe doméstica de Sogama teña acadado grandes éxitos. Tanto é así, que unha análise científica realizada no seu momento pola Universidade de Santiago de Compostela dun número determinado de mostras de compost recollidas en distintas localidades implantadas, acreditou a súa alta calidade, reunindo este os requisitos necesarios para ser aplicado na agricultura sen restricións, cumprindo con todos os parámetros contemplados pola normativa vixente.