PSOE e PP, co voto en contra do BNG, aprobaron a nova Ordenanza de uso de edificios e instalacións públicas do Concello de Culleredo que deixa sen efecto os actuais acordos para o uso de locais e instalacións municipais.
A nova ordenanza recolle outras medidas lesivas para as asociacións e clubes do noso concello.
No pleno de onte, 30 de xaneiro de 2024, PSOE e PP votaron a favor da aprobación definitiva da nova Ordenanza municipal de uso de edificios e instalacións públicas. A disposición derrogatoria desta nova ordenanza deixa sen efecto “todos os acordos, convenios e documentos análogos (…) que non fosen redactados baixo as esixencias da Lei 40/2015”. A maior parte dos acordos de asociacións e clubes co Concello de Culleredo son anteriores a esa data, polo que transcorridos 15 días desde a publicación da nova ordenanza no BOP, ditos acordos quedarán sen efecto.
O debate e votación en Pleno deste asunto pode verse nesta ligazón.
A nova ordenanza, que o BNG rexeitou co seu voto en contra no Pleno, recolle outras medidas perxudiciais para as asociacións e clubes do concello. O novo texto, por exemplo, traslada toda a responsabilidade das actividades realizadas polas asociacións e clubes ás entidades promotoras, pero non deixa clara a obriga ou non de contar con seguros de responsabilidade civil. Do mesmo xeito indica que o Concello terá prioridade no uso de edificios e locais aínda que houbese unha cesión previa, debendo avisar o Concello á entidade usuaria do espazo “coa antelación mínima suficiente necesaria”, sen que se determine cal é esa antelación. O horario de uso non poderá exceder da medianoite, o que imposibilita realizar celebracións máis alá das 00:00 horas. Por se todo isto fora pouco, o Concello non asume a súa responsabilidade de coordinación, e no caso de que máis dunha asociación ou clube queira facer uso da mesma instalación “deberán achegar un acordo común para establecer un calendario de uso do centro durante todo o ano”.
O BNG solicitou redactar de novo a ordenanza contando coa participación das asociacións, clubes, entidades e veciñanza de Culleredo, e que realmente atenda ás súas necesidades e casuísticas. Na tramitación desta nova ordenanza nin sequera se convocou ao Consello Xeral de Participación Cidadá, órgano de participación da veciñanza do Concello de Culleredo na xestión municipal e que, sen dúbida algunha, tería moito que dicir e aportar a esta normativa, que nace de costas ás súas necesidades.