A organización confía en reeditar as cifras de participación de 2023, cando a xornada congregou a máis de 400 palilleiras de toda Galicia
Cunha boa perspectiva de participación, a 18ª “Xuntanza de Palilleiras de Neda. Presente, pasado e futuro do arte do encaixe” celebrarase o sábado 17 de febreiro no pavillón municipal Ale de Paz. Organizada pola Asociación Filigrana, volverá contar un ano máis co apoio de Concello, Deputación e Artesanía de Galicia. Aínda coa inscrición aberta ata o vindeiro 10 de febreiro, segundo avanza a entidade organizadora, a previsión é igualar e mesmo superar as cifras de participación do pasado ano, cando se reuniron no municipio máis de 400 palilleiras procedentes de toda Galicia.
O guion do encontro tampouco variará a fórmula de edicións anteriores, e a xornada arrancará ás 11:00 horas co acto de inauguración oficial, presidido polo alcalde, Ángel Alvariño. Así, o público poderá achegarse ao labor das palilleiras, e coñecer as diferentes técnicas, ata as 13:30 horas, e tras un parón para o xantar, a xuntanza retomarase ás 16:00 horas, ata as 18:00 h. Unha cita para apreciar un labor artesanal e con oficio.