Poden acollerse a esta axuda persoas en risco de desafiuzamento por impagamento da renda, vítimas de violencia de xénero e afectados por danos nas vivendas debidos a circunstancias imprevisibles, tales como incendios ou inundacións
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, vén de remitir a todos os concellos e a diversas identidades sociais da comunidade a información detallada sobre a nova convocatoria do Bono de Alugueiro Social co obxectivo de que a poñan á disposición das familias que necesitan esta axuda autonómica.
Ademais dos servizos sociais dos municipios, a información foi remitida a Cáritas, á Rede Galega de Loita contra a Pobreza e ao colectivo Os Ninguéns, solicitándolles colaboración na difusión deste axuda, co fin último de que poida chegar de forma efectiva a aqueles que o precisan.
O Bono de Alugueiro Social é unha axuda urxente dirixida ás familias en risco de perder a súa vivenda por non poder pagar o alugueiro ou ben por encontrarse en situación de especial dificultade.
Nos escritos remitidos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo informa de que o pasado 30 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicou a Orde de convocatoria destas axudas, que poden solicitarse desde o día seguinte ao da publicación. A convocatoria en vigor prevé un orzamento total de 4,025 millóns de euros.
O obxectivo do Bono de Alugueiro Social, medida incluída no Plan RehaVIta, é atender as necesidades das familias con dificultades para o pago do alugueiro, establecendo a Orde de convocatoria para 2016 os colectivos aos que está dirixido. Así, ademais das familias que afrontan unha demanda xudicial por impagamento das rendas de alugueiro, poden acollerse ao Bono de Alugueiro Social as vítimas de violencia de xénero e os afectados por danos imprevisibles na súa vivenda, causadas, por exemplo, por incendios ou inundacións.
O Bono de Aluguer Social consiste nunha axuda de 150 euros mensuais por un período de ata 12 meses, que poderán prorrogarse, previa solicitude do interesado, por un período igual ao da concesión inicial ata un máximo de dous anos.
A maiores, o programa contén unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de permanecer na mesma vivenda, para atender pagos pendentes.