A Primeira Miniliga Social de Tiro con Arco 3D Indoor Congalsa-A Pobra incorpórase ao calendario deportivo da Pobra do Caramiñal. Trátase dunha cita que lanza o Club Arqueiros do Barbanza, coa colaboración da Concellaría dos Deportes e a empresa Congalsa, como un novo método de adestramento e divertimento para os/as deportistas que practican esta disciplina.
Con relación a isto, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, apunta que “é unha magnífica proposta que permite amosa-la destreza nesta modalidade mentres non chegue a época de máis apoxeo.” Enxalza tamén o compoñente social desta iniciativa, que, “sen abandona-lo san espírito competitivo, posibilita que as persoas participantes estreiten lazos e interactúen de xeito distendido nas pausas.”
A dita liga consta de catro tiradas para desenvolver entre os meses de febreiro e abril (4 e 25 de febreiro, 24 de marzo e 14 de abril), con concorrencia na categoría absoluta para, no final, outorgárlle-los trofeos correspondentes aos tres postos do podio nas divisións que toman parte.
O polideportivo da Tomada é o lugar elixido para que os/as arqueiros/as amosen a súa destreza ao atinaren coas frechas nas dianas volumétricas nas divisións de arco composto, espido, tradicional e longbow. Esta miniliga desenvolverase na quenda de mañá, das 09.00 horas en diante.
Requírese a inscrición previa a través do enderezo electrónico arcobarbanza@gmail.com e o pagamento da cota de participación por un importe de 20 euros por xornada de liga. O prazo para se anotar vai por cada tirada: para a primeira, estableceuse do día 23 ao 29 de xaneiro; para a segunda, do 11 ao 18 de febreiro; para a terceira, do 10 ao 17 de marzo; e para a cuarta, do 31 de marzo ao 7 de abril.