Friday 22 de November de 2024

Adxudicado a Aspaber o servizo de limpeza viaria por un importe anual superior ao medio millón de euros


Carballo foi un concello pioneiro en Galicia ao apostar xa no ano 2007 por un contrato reservado a centros especiais de emprego

A corporación municipal aprobou este luns a adxudicación do servizo de limpeza viaria a Aspaber por un importe anual de 555.865,57 euros e un prazo de dez anos. Precisamente, dado que o importe total do contrato supera os cinco millóns de euros, o acordo tivo que ser adoptado en pleno. Todos os grupos votaron a favor, recoñecendo ademais a aposta do Concello de Carballo pola integración laboral das persoas con discapacidade a través dos contratos reservados a centros especiais de emprego.

Aspaber gañou o primeiro concurso no ano 2007. Carballo foi un concello pioneiro, e no ano 2020 así foi recoñecido por Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego, coa concesión do seu premio anual ao noso concello “pola súa aposta decidida pola economía social”, e un ano despois, no 2021, outorgaba un novo galardón ao alcalde, Evencio Ferrero, pola súa contribución persoal á integración laboral das persoas con discapacidade.

A corporación municipal tamén aprobou este luns, neste caso coa abstención dos cinco concelleiros do PP presentes na sesión, a listaxe de investimentos que se acometerán con cargo aos fondos do programa provincial POS+, todos eles na zona rural. “É certo que non están todas as obras necesarias, pero todas as que están son necesarias e ademais responden a peticións expresas dos consellos parroquiais”, apuntou o alcalde. A listaxe é a seguinte:
• 2ª fase da construción de beirarrúas en Ardaña: 95.598,98 euros
• Acondicionamento do campo da festa de Artes: 149.644,45 euros
• Melloras na rede de abastecemento de auga na parroquia de Rus: 314.999,99 euros
Plan complementario
• Melloras na pavimentación na parroquia de Aldemunde: 212.535,74 euros
• Pavimentación do rueiro do núcleo de Imende (Noicela): 434.808,04 euros
• Ampliación da rede de saneamento en varias parroquias: 364.928,28 euros

No pleno, que durou 45 minutos, tamén se acordou por unanimidade a incoación de dous expedientes de investigación sobre un terreo e un camiño situados nas parroquias de Lema e Rebordelos, respectivamente, e coa abstención do PP decidiuse arquivar outros dous sobre a titularidade de dúas porcións de terreo situadas nunha vía de Xoane (Goiáns) e na rúa do Pan de Carballo.

No apartado de rogos e preguntas, o PP pediu a instalación de Wi-Fi nos centros sociais e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, informou de que xa está contratada para nove locais e que a partir de aí estudarase seguir estendéndo en función da viabilidade técnica.