Friday 22 de November de 2024

Preto de 3.000 fogares galegos modernizaron cociñas e baños a través das axudas do programa ‘Reforma 15’ da Xunta


O director do Igape visitou en Vilagarcía as instalacións da compañía Laguardia&Moreira, unha das máis dinámicas no desenvolvemento do ‘Reforma 15’, ao que se adheriron 380 establecementos de materiais de construción

Arredor de 3.000 fogares galegos puideron impulsar a modernización de cociñas e baños ao amparo das axudas reguladas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no programa ‘Reforma15’, que sumou apoios da Xunta e rebaixas das empresas adheridas para cubrir preto do 40% dos custes de materiais e mobiliario.

O programa ‘Reforma15’ contou coa adhesión de 380 establecementos subministradores de materiais de construción para cociñas e baños correspondentes a 316 empresas. Conseguiu igualmente a colaboración activa de Asemaco, a asociación sectorial que agrupa ás empresas de materiais de construción. As axudas concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro deste programa roldaron os 2 millóns de euros.

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou as instalacións en Vilagarcía de Laguardia&Moreira, a empresa adherida ao programa, que destacou como a máis dinámica, onde salientou o valor da colaboración pública e privada no ‘Reforma 15’, que impulsou vendas totais de case 11 millóns de euros e mobilizou investimentos estimados en máis de 20 millóns, grazas a que acadou unha dinamización da actividade e o emprego entre as empresas e autónomos do sector da construción.

O Igape apoiou as compras realizadas polos cidadáns con axudas que oscilaron entre 200 e 1.000 euros por persoa e domicilio particular que cubre o 20% dos investimentos realizados. As empresas colaboradoras que se adheriron ao programa realizaron un desconto equivalente, polo que a rebaixa global das operacións roldou o 40%. A tramitación das solicitudes de axuda, xunto coa documentación xustificativa e as solicitudes de cobro, realizouse nos propios establecementos de venda.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia apoiou ás familias galegas no acondicionamento das súas vivendas para mellorar o seu confort, estimulando de forma paralela a demanda en sectores vinculados ao sector da construción, a reforma e a rehabilitación, contribuíndo así a xerar actividade e emprego entre as pequenas empresas e autónomos.

Novas liñas de apoio
Javier Aguilera salientou que, co mesmo obxectivo de seguir impulsando a actividade empresarial, para consolidar o crecemento económico e facilitar a creación de emprego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a través do Igape convocatorias de axudas dotadas con máis de 30 millóns de euros para apoiar os investimentos, a mellora da competitividade, a cooperación e a internacionalización das empresas galegas.

Entre outros, o Igape conta co programa Galicia Inviste para impulsar novos investimentos, e o programa Galicia Emprende, para apoiar proxectos impulsados por novos emprendedores, dotados conxuntamente con case 16 millóns de euros; activou igualmente o programa para impulsar proxectos no ámbito da fábrica 4.0; e, para mobilizar financiamento de circulante para as Pemes, convocou o Resolve 2016 e un programa específico para explotacións leiteiras.

De xeito paralelo, o Instituto vén de publicar axudas dotadas con case 10 millóns de euros para impulsar accións e estratexias de internacionalización para as Pemes galegas, e para subvencionar a contratación de xestores de exportación.