Saturday 16 de November de 2024

A Casa da Cadea incorpórase ao catálogo de patrimonio público da Pobra


O 2024 comezou na Pobra do Caramiñal con novidades en materia patrimonial coa adquisición da Casa da Cadea por parte da Administración local por 148.000 euros.

Xa no anterior mandato se aprobara a partida para a compra do inmoble, cuxos trámites concluíron neste ano.

O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, incide na relevancia que ten a incorporación deste edificio ao catálogo de patrimonio público e reafirma o compromiso do Concello na preservación, recuperación e difusión da riqueza patrimonial da que goza a localidade, razón pola que no actual mandato se apostou pola creación desta Área. “Hoxe, por fin, podemos anunciar que a Casa da Cadea xa é propiedade de todo o pobo, de todos os veciños da Pobra do Caramiñal”, manifesta.
Trátase dunha construción civil de finais do século XVIII que, como o seu propio nome indica, empregouse como cárcere, pero, con anterioridade, foi consistorio. Actualmente conserva a fachada e conta cunha parcela de 220 metros cadrados.

En canto aos novos usos proxectados, barállanse aqueles de índole cultural que permitan conxuga-la funcionalidade deste espazo e a preservación dunha parte da identidade do pobo.
Con relación a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que se estudarán distintas liñas de financiamento a través das diferentes Administracións públicas para a súa rehabilitación e consecuente posta en valor. “Penso que é un paso histórico”, apunta a edil.