Saturday 16 de November de 2024

García Seoane recibe a alumnado do liceo francés La Salle de Annecy


Un grupo de alumnos e alumnas do liceo College La Salle de Annecy (Francia, moi perto da cidade suiza de Xenebra), en compaña doutro grupo do IES María Casares de Santa Cruz visitaron esta mañá ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, na Casa Charry.

Son 30 persoas que se atopan visitando o municipio e algúns outros lugares de Galicia da man dos seus compañeiros do María Casares, con quen intercambiarán a experiencia.

García Seoane faloulles do concello como un lugar distinto e singular, destacando datos como o pracer de vivir na natureza, o esforzo que realizou a cidadanía por ter tantos parques, unha costa libre, o gran número de preciosos edificios recuperados, as casas para festas e en xeral o interesante que é o municipio para vivir e gozar.

A visita rematou diante da Casa Consistorial onde o Alcalde, acompañado polos concelleiros María José Santos e Ramón Maceira, agasallou ao liceo francés cun conxunto de publicacións municipais onde se detalla a historia do municipio, o patrimonio público arquitectónico e cultural así como os numerosos espazos verdes dos que poden gozar durante a súa visita a Oleiros.